Os cursos de galego reúnen a estudantes de 20 países na Universidade de Santiago
SANTIAGO
Preto de 50 alumnos estudarán o idioma durante tres semanas en Filosofía
08 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Esta semana comezou a trixésimo terceira edición do curso «Galego sen fronteiras», impulsado pola Universidade de Santiago e a Real Academia Galega. Nesta edición participan estudantes de 20 nacionalidades, repartidas entre Europa, Asia e América, que asisten a clases de lingua e cultura galegas na Facultade de Filosofía da USC.
O alumnado gozará durante estas semanas dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia, ao tempo que acude a clases. Os alumnos están repartidos en tres niveis de aprendizaxe: o elemental, o medio e o superior. Algúns estudantes deste último nivel chegaron a traducir lírica medieval galego-portuguesa ao polaco. Este é o caso de Magdalena Lagosz e Jakub Merdala, ambos universitarios na cidade de Cracovia.
«Este programa espalla o galego polo mundo traendo a Galicia estudantes de todas partes», sinala María López Sández, profesora do nivel superior. Destaca tamén que «esta xente convértese en embaixadores da cultura galega ao chegar ao seu país». Nesta mesma línea, moitos estudantes doutras edicións verten a lingua e literatura galegas a outras linguas e comezan a ensinar o galego en universidades europeas, asiáticas e americanas.
Fóra do horario académico, ofrécense aos alumnos conferencias como a de Fina Casalderrey ou a de Álvaro Gago, director de Matria; excursións como a que teñen programada a Fisterra o fin de semana que ven; e obradoiros de baile e música tradicional, da man de Mercedes Prieto e Alba María.
«É sumamente estimulante ver a persoas de culturas tan diferentes á nosa realmente interesadas na lingua e cultura galegas», apuntou María López Sández. Subliñou tamén que «o programa é positivo e formativo para eles, pero creo que nos achega a nós máis do que eles reciben, pola difusión cultural que supón».
«A miña avoa era galega e animoume»
A avoa de William era de Mugardos, aínda que di que falaba en castelán porque tiña vergoña da lingua galega. «Antes de ela morrer, comezou a falar galego de novo e iso impulsoume a aprender a falalo», comentaba. William é de Luisiana, Estados Unidos, onde fálase un dialecto do francés. Ao comezar a traballar nun medio de comunicación francófono interesouse aínda máis polo galego.
«Namoreime de Galicia fai 7 anos»
Vikash ten 40 anos e ven da India. Fai sete anos fixo o curso elemental de galego e namorouse de Galicia. Traduciu poemas de Rosalía de Castro do galego ao hindi e, recentemente, introduciu a figura de Celso Emilio Ferreiro nunha antoloxía para que na India coñeceran a súa figura. «Non son experto en ningún deles, só son amante da lingua e cultura galegas», puntualiza o alumno de Nova Delhi.
«Entereime do curso polo xurado da tese»
«Comecei a aprender galego porque foi a lingua que o meu avó tivo que esquecer ao emigrar a Arxentina», explica Mariela. Fixo a súa tese sobre a transmisión interxeracional na literatura da memoria sobre a guerra civil e o franquismo, e incluíu nela obras da literatura galega. Hai 11 anos, Mariela foi alumna deste curso da USC e quixo voltar para «poder ler aos autores e a literatura en galego».