A nova banda, que reúne a cinco músicos con anos de traxectoria, aposta por repertorio propio
26 may 2023 . Actualizado a las 22:07 h.Sábado 27 • 21.00 horas • Casa das Crechas • Desde 8,40 euros en anticipada (10 euros en taquilla) • A admiración mutua e a amizade están no xermolo de Malabesta, a nova banda compostelá que este sábado se estreará na Casa das Crechas. «É un grupo novo, pero está formado por xente con moitos anos tocando enriba dos escenarios», detalla Vituco Neira, a voz deste novo proxecto do que tamén forman parte Diego de Lera (contrabaixo), Ismael Cabaleiro (violín), David Regueiro (guitarra) e Iago Jorge (batería). A súa aposta é «a música orgánica, tocado todo con instrumentos acústicos. Soa a ‘blues’, a folk, a ‘blue-grass’, a música vella».
O grupo naceu despois da «típica conversa de bar e de dicir: ‘Molaba facer algo xuntos que non sexa o que fan uns nin os outros, de meternos en territorios novos», relata Vituco Neira. Así que a finais do ano pasado, en novembro-decembro, empezaron a quedar «e ao mes e medio estabamos gravando xa os dous primeiros temas». Agora, xa teñen máis dunha ducia, parte dos cales interpretarán no concerto dunha hora que ofrecerán este sábado. «Tiñamos claro o de facer cancións propias, partimos de cero. Non hai ningunha que existira antes de xuntarnos», recalca a voz de Malabesta. Serán todas cancións en galego e as dúas primeiras xa se poden escoitar en Youtube: «24 horas» e «Fariña doutro costal».
O resultado desta conxunción de cinco artistas é unha música, apunta Neira, «para todos os públicos e para todos os gustos, é moi universal. [...] Hai moito de escoitar, pero tamén permitirá mover un pouco o pé». E as letras? «Son puro existencialismo; falamos da vida, das pantasmas que ten un dentro, de ceos, infernos, de pasalo ben... Creo que é un grupo cunha linguaxe propia», apunta a voz de Malabesta.
Aínda que os cinco integrantes tamén lle darán continuidade aos seus proxectos musicais anteriores, teñen previsto gravar a final do verán un disco enteiro. «Esa é a nosa idea. Pasámolo moi ben xuntos, é unha música que nos enche moito. Estamos todos fóra da nosa zona de confort e iso é moi evocador e un reto musical para todos nós», apunta Neira. Polo de pronto, ademais do concerto mañá en Santiago, teñen xa previstas actuacións en Ourense e Vigo, e xa recibiron unha invitación para un festival antes de presentarse.