«Galiverso», a viaxe con perspectivas únicas por 12 enclaves galegos con realidade virtual

M. G. iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O novo espazo da Cidade da Cultura emprega tecnoloxías inmersivas para difundir o patrimonio artístico e cultural

05 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Acceder a espazos que doutro xeito non poderían visitar, como a cripta do Apóstolo na catedral compostelá e a lanterna da Torre de Hércules, e gozar de perspectivas únicas, como viaxar en globo sobre a Ribeira Sacra... Son só tres da ducia de experiencias que se poden vivir na Cidade da Cultura con só poñer unhas gafas de realidade virtual e dando uns poucos pasos. Galiverso, o novo espazo á entrada do Museo Gaiás, ofrece unha experiencia inmersiva na que non faltan os sons, como o do mar en Fisterra e o silencio, que acompaña a visita á cripta do Apóstolo. Deste xeito, a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia aproveita as posibilidades das novas tecnoloxías para difundir o patrimonio artístico e cultural de Galicia. «Buscamos que a experiencia sexa tan real como sexa posible», afirma Fátima Mª García Doval, xefa de Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O espazo Galiverso, que abriu as súas portas o 21 de outubro, ofrece un percorrido polas catro provincias galegas e enclaves moi diversos. Ademais de coñecer cada detalle da cripta da catedral de Santiago, de divisar A Coruña desde o interior da lanterna da Torre de Hércules e de sobrevoar o canón do Sil, permite gozar do solpor desde o faro de Fisterra, percorrer a muralla romana de Lugo, achegarse á torre de Xiá en San Paio de Narla (Lugo), ao templo romano soterrado de Santa Baia de Bóveda, ao interior dunha palloza no Cebreiro, ao mosteiro de Santa María a Real de Oseira, ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e camiñar polos tellados da catedral de Tui. «Tratamos de que houbera unha representación de todos os ámbitos, de interior, de costa, que houbera patrimonio natural, construído, histórico...; e, ademais, queriamos empregar diferentes tecnoloxías para amosarlle á xente as diferentes posibilidades que hai», detalla Fátima Mª García Doval. Deste xeito, para que o visitante deste espazo sinta que viaxa a diferentes espazos galegos empregaron, segundo os casos, desde fotografías e vídeos en 360 grados e en estéreo e de alta calidade ata fotogrametría para recrear os enclaves, entre outras técnicas. «A fotogrametría usámola tanto na cripta da Catedral como na torre de Hércules porque trátase de sitios que a xente non vai poder ir ver porque non se pode entrar», afirma a encargada do proxecto.

Mostra permanente e gratis

Galiverso pasou a formar parte das actividades permanentes do Museo Gaiás e pódese gozar del de xeito gratuíto de martes a venres en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas. Os sábados, domingos e festivos (excepto luns), ademais de pola tarde, estará activo de 11.00 a 14.30 horas. Para gozar da experiencia inmersiva só é preciso colocarse un equipo de realidade virtual. A sala dispón de tres postos que poden operar de xeito simultáneo, aínda que cada experiencia é individual. Cada sesión ten unha duración de vinte minutos nos cales se poden percorrer a ducia de espazos ou deterse o tempo que consideren nos que máis lles gusten. O límite de tempo obedece tanto á intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado dos lentes de realidade virtual como de facilitar que poida acceder o maior número de persoas. Tamén debido á propia tecnoloxía empregada, recoméndase a experiencia para público maior de 12 anos.

Gozar de Galiverso para poder descubrir Galicia é moi doado. Sobre un mapa virtual, o usuario selecciona os lugares que quere visitar. Despois, unha vez que está no emprazamento, pode camiñar ou teletransportarse cun punteiro láser se está moi lonxe dun obxectivo ou se nese caso se trata nunha experiencia ofrecida en 360 grados. As instrucións dánselle ao dispositivo con xestos das mans. Ademais, cada experiencia vai acompañada de textos e audios explicativos en galego, castelán e inglés.

 "O que che dá gana é de ir aos sitios que viches en Galiverso"

O proxecto desenvolvido na Cidade da Cultura non só trata de achegar enclaves de referencia en Galicia, senón que tamén serve para aproximar as novas posibilidades tecnolóxicas ao público. «Esta experiencia gózaa xente de todas as idades, porque van persoas maiores con medo e nun minuto están usando xa a realidade virtual. Entón, esta parte social de achegar a tecnoloxía á xente para nós é moi importante. É desmitificar que a realidade virtual non é só para adolescentes e xente nova. Isto ten aplicacións para todos e pódelle aportar a moita xente», afirma Fátima García Doval, que destaca a boa resposta a esta iniciativa. «O que che dá ganas despois da experiencia do Galiverso é ir aos sitios que viches», conclúe a responsable do proxecto.

Un proxecto que nace para medrar e supón o primeiro chanzo do Centro de Artes Dixitais

Galiverso non vai quedar só nestas doce experiencias. A intención é incorporar novas propostas de realidade virtual vinculadas non só a patrimonio e ao turismo, senón á ciencia e á experimentación, segundo incidiu durante a presentación da iniciativa o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. Ademais, este espazo do Museo Gaiás é unha porta aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia, que acollerá a Cidade da Cultura. Busca ser un centro pioneiro en España para ampliar os modos nos que o público se relaciona co patrimonio.