Fusión de concellos

Manuel Mirás Franqueira SENADOR SOCIALISTA

SANTIAGO

08 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Co anuncio do alcalde de Teo da súa intención de fusionarse con Santiago, ábrese de novo o debate da fusión de concellos. Máis pronto que tarde, será necesaria unha ordenación administrativa do territorio adaptada aos novos costumes e necesidades dos cidadáns e cidadás. A fusión de concellos terá que facerse por lei e despois dun estudio de mobilidade dos habitantes dunha zona en concreto, neste caso da comarca de Santiago. Non me deixou de sorprender o anuncio do alcalde de Teo: antes de facer unha proposta deste tipo hai que pensala dúas veces pois, a priori, a fusión de Santiago con Teo non soluciona nada. É dicir, non solucionaría as necesidades reais de ordenar o territorio en todos os ámbitos. Máis ben crea un problema a maiores.

Mentres non haxa unha modificación da lei que obrigue a facer concellos máis grandes nos que se poida prestar un servizo eficaz á cidadanía con economías de escala, coido que a postura coherente nestes momentos podería ser poñerse de acordo na prestación conxunta de servizos esenciais, tales como abastecemento de auga e saneamento, recollida e tratamento do lixo, transporte metropolitano, proxectos que vertebren a comarca... Isto pódese facer coa normativa vixente mediante unha mancomunidade ou consorcio, sempre que non se converta nun «club de amigos» como nalgunhas mancomunidades actuais nas que cada concello se acolle unicamente aos servizos que máis lle conveñan.

Máis adiante virá a fusión de concellos, pero para iso hai que modificar as leis, entre elas a Carta Magna, pois, se se reduce o número de concellos, o resultado ten que ser de entidades con capacidade suficiente para administrar todo tipo de servizos, sen tutelas. O primeiro que hai que facer é suprimir as deputacións. Que ninguén pense que estou en contra das deputacións. Tal e como está estruturada a distribución municipal actual, a Deputación da Coruña é o manto que cobre as carencias da gran maioría de pequenos e medianos concellos. Non digo nada doutras provincias de Galicia e España, algunhas funcionan ben e outras operan con demasiado celo caciquil.

O plan que puxo en marcha a Xunta para fusionar concellos non foi máis que unha fuxida adiante. Primeiro o plan de comarcalización, que naceu morto, pois foi feito á carta e sen rigor. Logo veu a fusión voluntaria de concellos. Todos sabiamos que non ía funcionar, pois foi unha estratexia mediática de Feijoo nun debate do Estado de Autonomía para tapar outras cousas. As fusións que se fixeron ata o de agora en Galicia non tiveron ningún efecto positivo.

Hai que facelo ben. Primeiro cunha reforma da Constitución e logo cunha lei que garanta á cidadanía que non vai saír prexudicada. Para iso haberá que crear entes menores que, non queréndose complicar moito, seguirían sendo os concellos actuais, onde se prestaría unha atención á veciñanza sen ter que desprazarse ao concello resultante para temas administrativos. Outra opción sería un sistema similar ao portugués, onde os municipios (cámaras) son de gran tamaño e existe a figura das freguesías, con certas competencias e proximidade á veciñanza para trámites administrativos.