Hemingway en Compostela

Borja Verea PRESIDENTE DO PP DE SANTIAGO

SANTIAGO

Afama levouna Pamplona, pero para Ernest Hemingway Santiago era «a cidade máis fermosa de España», e da nosa catedral dixo que «é o edificio que máis quero do mundo». Nada menos. O escritor norteamericano pasou longas tempadas en Compostela, vivindo no desaparecido Hotel Suízo, sito na rúa Cardeal Payá. Foi aquí onde traballou na fermosa novela Adeus ás armas, coñecido alegato pacifista tan importante nestes tempos, pero que en realidade é o relato dese primeiro amor que sempre deixa aos homes esnaquizados e obrigados toda a vida a recompoñerse.

O premio nobel dedicaba o seu tempo en Compostela, ademais de a rematar as súas obras, a pasear, pescar e responder cartas, isto sabémolo porque en moitas delas fai referencia a Santiago. O resto temos que imaxinalo. Hai xa polo tanto un século que Ernest Hemingway, turista en Compostela, buscaba na nosa cidade algo distinto, un pulso diferente ao das grandes cifras e os grandes números.

O verdadeiro potencial do Santiago do século XXI aínda está por facer, e terá na nova sociedade pospandemia moitas das súas respostas. Nun mundo acelerado que ten como bandeira a falla de tempo propio, con vidas autómatas e dixitais, a brutal experiencia da pandemia amosou con toda a súa crueza a importancia dos espazos comúns e as infraestruturas sociais. E as políticas dos actuais dirixentes municipais, despois de vinte anos cos mesmos discursos, seguen apostando por unha cidade segregada e pensada en clave do século pasado, dirixida a unha sociedade individualista e chea de soidades.

Os responsables locais demostraron neste mandato que non entenderon o pulso do novo futuro. Alí onde eles queren máis centros comerciais e orbitais, os veciños queremos mercado local, praza e rúas; onde eles queren pisos de luxo e cámaras dixitais, os veciños queremos áreas sociais, bibliotecas, canchas deportivas e parques infantís; a xente quere en definitiva máis comunidade e máis cultura do próximo. Un goberno en decadencia é aquel que xa non ten a enerxía suficiente para transmitir unha ilusión de futuro, que ten esgotadas as súas propostas e que ademais ten liquidada a súa credibilidade. O mellor exemplo son as promesas desesperadas nos últimos meses dun mandato, anuncios que rozan o ridículo e a falta de respecto aos cidadáns despois de anos perdidos onde nada se fixo.

Recuperar o control sobre o futuro da nosa cidade, traballar para construír un proxecto sólido e unha alternativa solvente, con experiencia de xestión e todas as enerxías postas na transformación da cidade para o século XXI. Esa Compostela que segue estando aí, esperando pola modernización pendente, mantendo a súa esencia máis pura, ese pulso que xa Ernest Hemingway intuíra hai un século buscando a nosa cidade como lugar máxico, único e irrepetible. E foi aquí, como dicía, onde rematou a súa novela pacifista, con esa mensaxe universal de que todo remata, tanto o bo como o malo, e esa frase tan sinxela como reveladora nestes días escuros na historia de Europa: «Se ninguén atacara, a guerra remataría».