Juan Viaño, catedrático de Matemática Aplicada da USC: «O mundo actual esixe unha revisión das estruturas universitarias»

Irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O exreitor di que facer o Camiño de Inverno foi unha experiencia «inesquecible»

22 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi reitor entre 2014 e 2018 e a USC vén de publicar nun libro unha escolma dos discursos do seu mandato, onde se poden atopar reflexións en «temas de calado», tal como asina o autor no limiar. Juan Viaño Rey (Sergude-Boqueixón, 1955) cre que a universidade española fixo un «gran camiño» en paralelo co período democrático, pero advirte de que agora necesita unha revisión das súas estruturas e órganos de funcionamento: «Sufrimos unha esclerose e o mundo actual esixe outro modelo que permita unha maior versatilidade e modernizar as categorías do profesorado, así como reter e captar talento internacional. Isto aparecía no primeiro borrador da nova lei que se está deseñando, pero parece que non vai adiante. Para manternos na elite non temos unha estrutura suficientemente flexible e áxil».

Viaño, catedrático de Matemática Aplicada, está convencido de que a universidade é un servizo público que «debe atender» os problemas do país e da sociedade, destacando o progreso da USC nos últimos 25 anos en materia de emprendemento, a chamada terceira misión tras docencia e investigación. «Avanzamos moito nos eidos da biomedicina, química, física, matemáticas, pero pódense explorar máis posibilidades no ámbito social. As humanidades tamén teñen o seu potencial, pero aquí centrámonos máis nas individualidades que nos grupos», segundo explica. A resistencia inicial a crear unidades de transferencia de resultados da investigación e mesmo a promover ideas empresariais está hoxe «superada», e «xa ninguén discute o éxito» desta fórmula, avalada por grupos de investigación que captan significativos recursos económicos, engade.

O veterano profesor, que fixo a tese de doutoramento en París e con 32 anos converteuse nun dos catedráticos máis novos de España, volveu ás aulas e á investigación: «Estou refacendo o meu grupo, porque na miña ausencia algúns membros xubiláronse e outros marcharon a outras universidades; así que estou volcado na docencia do grao e o máster». Sendo decano hai uns quince anos, Viaño implantou en Galicia o programa Estalmat para atraer estudantes bos á carreira de Matemáticas, pero acaba de ceder o bastón á actual decana, Elena Vázquez Cendón. «Mesmo me mantiven á fronte sendo reitor, xa que é un proxecto ao que quero moito. O certo é que me deixei a pel, porque facía unha xestión brutal e tiña que buscar o financiamento correspondente. Pero tamén cumpría un relevo na dirección», indica.

Viaño aceptou antes da pandemia o convite dos Antigos Alumnos da USC para facer o Camiño de Santiago, unha materia que tiña pendente. «Foi unha experiencia inesquecible e moi satisfactoria, malia que rin cando mo propuxeron. Coñecín a xente marabillosa e encantoume este Camiño de Inverno, desde Ponferrada e pola Ribeira Sacra. E poder pasar como peregrino por diante da miña casa e a carón do Pico Sacro foi moi emocionante», subliña, malia sufrir unha caída polas terras de Valdeorras na que se fracturou un pé. Canda Juan camiñaba Antonio Cajaraville, que faleceu repentinamente varios meses despois: «A perda do meu mellor amigo marcoume, porque Antonio formaba parte da miña vida».

Disposto a seguir camiñando co grupo de Alumni USC —«temos moi bo ambiente»—, Viaño querería facer o Camiño Francés: «Polo menos a parte galega, xa que é o que fixeron tantos europeos». Ten «moi» avanzado un libro de texto da súa materia, Análise numérica matricial, que se publicará axiña. Algo máis haberá que esperar polas súas memorias, un asunto que lle anda na cabeza. «Dubido que eu teña algo interesante que contar, pero o certo é que me insisten en que o faga. Unha vez que me retire, ao mellor divírteme facelo; non sei se unhas memorias ou episodios soltos», conclúe.