O edificio Fontán, un referente para a universidade galega e o patrimonio

M. G. iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Alberga centros de investigación e de xestión, que suman 200 empregados

24 oct 2021 . Actualizado a las 01:12 h.

As universidades galegas e a investigación do patrimonio incorpóranse ao proxecto da Cidade da Cultura a través do edificio Fontán, a construción que completa o complexo unha década despois de que a primeira das súas instalacións, a Biblioteca de Galicia, abrise as súas portas. Son máis de 13.300 metros cadrados distribuídos en cinco andares que acollerán a partir de principios de ano a douscentos traballadores de organismos de investigación e de xestión. Nestes momentos, están preparando o seu traslado e incorporando o equipamento necesario.

Con este edificio que se caracteriza por ser ecolóxico, funcional e austero, combinando as cristaleiras e o metal, a Xunta buscou dar resposta a unha dobre necesidade de Galicia. Por unha parte, avanzar na integración das tres universidades públicas e, por outra, potenciar a investigación de excelencia nos estudos sobre o patrimonio. Para iso, decidiu aproveitar a estrutura preexistente para o que ía ser o edificio do teatro da música e o centro de arte. «Pensamos que a Cidade da Cultura podería ser un receptor dun centro de investigación no ámbito das ciencias sociais e, ao mesmo tempo, tamén se daba unha solución a unha ferida que quedara», asegurou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. A inversión ascendeu a 17 millóns de euros. Esta cantidade, segundo destacan desde o goberno autonómico, supuxo un aforro, xa que levar este proxecto a outro emprazamento custaría uns 30 millóns, e demoler a estrutura dez millóns.

Neste edificio inaugurado o 6 de outubro polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, residirán o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), organismo dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (Acsug), o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario Galego (Cisug) e o Centro de Investigación sobre o Patrimonio Cultural (Cispac).

As entidades residentes

Incipit. O organismo que promove a investigación científica sobre o patrimonio ocupa preto de 2.400 metros cadrados, unha quinta parte da superficie útil. O Incipit conta cun equipo de alto nivel de internacionalización con preto de medio cento de traballadores. A súa misión é facer investigación sobre as condicións de formación do patrimonio cultural. «Estamos moitas disciplinas para comprender o que é o patrimonio», afirmou o seu director, Felipe Criado. Trátase dun organismo cunha vertente internacional, xa que tamén realiza proxectos de investigación noutros países, agora centrada de xeito especial en América do Sur e África Subsahariana. Ademais están en distintos países europeos. Polo uso destas instalacións, o CSIC achegará 2,4 millóns á Cidade da Cultura, ademais de asumir os gastos que xere polo desenvolvemento da súa actividade.

 

Cisug. O Consorcio Interuniversitario de Galicia, que dispón de preto de 423 metros cadrados no edificio Fontán, é o centro neurálxico da xestión conxunta das tres universidades públicas galegas, centralizando os servizos bibliográficos, a organización das probas de acceso á educación superior e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización. «O que busca é un mellor rendemento dos bens e dos medios», resalta o secretario do organismo, Ramón del Valle.

Acsug. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ten como obxectivo garantir que a docencia, a investigación, a xestión e a transferencia do coñecemento se encamiñen cara a excelencia. Unha das súas accións relevantes é a elaboración periódica de estudos de inserción laboral de grao e mestrado. Contará con preto de 500 metros cadrados no Fontán.

Cispac. O Centro de Investigación sobre o Patrimonio Cultural será o organismo que maior espazo ocupe, máis de 2.500 metros cadrados. Converterase no primeiro e único centro de España de investigación no eido dos estudos do patrimonio cultural. Tamén será observatorio permanente do Camiño de Santiago. Estará integrado por grupos de investigación das tres universidades públicas galegas. Co Cispac e o Incipit, a Xunta resalta que o Gaiás será un referente no eido dos estudos do patrimonio.

Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou que están impulsando un centro de formación de profesorado no ámbito do mundo dixital e da innovación, que estaría situado no último andar. «Está chamado a ser un polo de referencia na formación do profesorado en Galicia», detallou.

Construción inserida no seu entorno e flexible, resalta o arquitecto Andrés Perea

O edificio Fontán busca inserirse no complexo deseñado por Peter Eisenman para a Cidade da Cultura pero sen chegar a mimetizarse. Esta foi unha das premisas que tivo moi presente o arquitecto Andrés Perea, responsable xunto á empresa Euroestudios da redacción do proxecto e da dirección das obras da Cidade da Cultura. «Se inserta en un entorno de edificios poderosísimos, con lo que tenía que dialogar con ellos, pero lo que no podía hacer era mimetizarse», afirmou.

Outra das premisas foi a flexibilidade, apuntou, xa que desde o primeiro momento houbo modificacións substanciais. Deste xeito, apostou por un deseño «que fuera capaz de soportar los cambios». Para Perea tamén ten moita importancia que se trata dun espazo de traballo, «por lo que tiene que tener una altísima calidad». Coa elección da cor «se ha querido subrayar la alegría del espacio jovial».

Este edificio, segundo incidiron tanto o presidente da Xunta de Galicia como o conselleiro de Cultura, abordouse desde a prudente administración do gasto. «O arquitecto foi un gran aliado, é un edificio adaptado aos novos tempos, pero que non rompe co preexistente», resumiu Román Rodríguez.

Trátase dunha construción ecolóxica e sustentable, deseñado para reducir os custos enerxéticos. Tamén se caracteriza por ser transparente, non só polo acristalamento da fachada, senón pola accesibilidade e os materiais permeables visualmente.

Xardín cuberto e unha nova rúa para cruzar o Gaiás

O edificio Fontán conta entre os seus elementos singulares cun xardín cuberto con fachadas abertas -que está tamén pensado como espazo museístico vinculado coa actividade que alberga-, así como patios interiores e unha nova rúa principal do complexo, que atravesará esta construción comunicando dúas estradas peonís: a do edificio CINC e a da Biblioteca de Galicia. Deste xeito, non será necesario rodealo para acudir dunha zona a outra. «La organización del proyecto tiene como base fundamental el tránsito entre estas dos calles, emula a las grandes estaciones de ferrocarril», dixo o arquitecto, Andrés Perea, que tamén fixo fincapé no auditorio, «la única pieza horizontal».

Sandra Alonso

Xunta, Incipit e Cisug destacan as sinerxías positivas de compartir centro

A entidade do CSIC e a universitaria prevén medrar co traslado ao Gaiás

M. G. Iglesias

«É conformar un ecosistema de investigación, de coñecemento e de talento». Así se referiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ao que suporá a entrada en funcionamento do edificio Fontán, que compartirán institucións ligadas ás universidades galegas e o Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit), dependente do CSIC. O membro do goberno galego, xunto ao director do Incipit, Felipe Criado; o secretario do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario Galego (Cisug), Ramón del Valle; e a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, analizaron nun foro de La Voz de Galicia a posta en marcha das novas instalacións incidindo, tal e como afirmou Román Rodríguez, nas «sinerxías positivas» que xerará. Tamén se fixo fincapé nas posibilidades de crecemento que ofrece este novo espazo para as institucións.

O director do órgano dependente do CSIC, Felipe Criado, explicou, nese senso, que desde a creación do Incipit no ano 2010 foron pasando por diferentes instalacións -agora están no campus sur de Santiago- «sen poder ata o momento estar xuntos». Engadiu que o edificio Fontán «vainos ofrecer unha capacidade tremenda para desenvolver investigacións en marcha e acometer as novas». Detallou que chegarán a este espazo -para o que están preparando o traslado- medio cento de investigadores, pero é un número que pronto medrará. «En poucos meses seremos uns 60-65» e prevé que nuns anos poidan estar sobre un cento de persoas traballando nestes 2.400 metros cadrados dos que dispoñen no Gaiás.

Tamén con perspectivas de crecemento, chegará ao edificio Fontán o Cisug, segundo apuntou o seu secretario, Ramón del Valle: «De inicio temos uns metros cadrados, pero hai vontade de medrar e de aportar ao sistema universitario e a este edificio Fontán».

Espazo común universitario

Tamén resaltou que a mudanza á Cidade da Cultura -están agora na Casa dos Catedráticos do campus sur compostelán- supón que «imos estar fóra dun campus, nun espazo céntrico e que é común das tres universidades e da Xunta». A iso únelle, como un valor engadido, «a proximidade con outras institucións, xa que están centros de investigación e a Acsug». Precisamente, a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou que «o feito de estar preto uns dos outros, vai crear proxectos novos, interesantes e innovadores».

Por outra banda, o conselleiro de Cultura incidiu na «vocación de colaboración», así como «na forza» que achega a presenza dos organismos interuniversitarios e do CSIC á Cidade da Cultura. «Encaixa ben no ecosistema funcional. Temos a Biblioteca de Galicia, o Arquivo de Galicia, a Axencia Tecnolóxica de Galicia e agora imos ter os centros de análise do patrimonio de Galicia», explicou, destacando que «moitos grupos de investigación van confluír para competir por proxectos nacionais e internacionais».

O membro do goberno da Xunta tamén subliñou a importancia da colaboración entre as universidades galegas, «xa que desde hai tempo fomos capaces de poñer enriba do que nos diferenza aquilo que nos une e que nos dá fortaleza». Nese sentido, resaltou a coincidencia da USC, UDC e UVigo na importancia de crear un centro de investigación no ámbito das ciencias sociais, xa que había un déficit nese eido. «Os grupos de investigación das tres universidades van colaborar e desenvolver proxectos que van poñer en valor a nosa cultura», afirmou.

Por último, Román Rodríguez lembrou que agora se abre unha nova etapa para a Cidade da Cultura, para a que están deseñando un plan estratéxico para os vindeiros, de xeito «que non só se abra a Galicia, senón que empece a dar pasos por Galicia, como unha factoría de contidos». Nese senso, lembrou as exposicións que foron percorrendo diferentes cidades.

Dispón dun auditorio con capacidade para 750 persoas

O novo edificio Fontán incorpora entre os seus espazos un gran auditorio con capacidade para 750 persoas. Trátase dun equipamento que ata o de agora non existía no complexo da Cidade da Cultura, ao non ter ningún interior con esa capacidade. A idea, segundo explicou a directora-xerente, Ana Isabel Vázquez, é atender a demanda que existía nese aspecto.

Este auditorio non só dará resposta para acoller congresos e actividades dos organismos que se asentan no propio edificio, senón que estará tamén aberto a outras propostas, así como a actividades culturais, como poden ser concertos. Este equipamento, que está dotado con novas tecnoloxías, é divisible en tres salóns de actos independentes. «Vai haber eventos, é un edificio aberto», afirmou. Ata o momento, o espazo que se estaba empregando para os acontecementos de maior afluencia de público era o andar baixo do Museo Gaiás.

Mapa de Fontán e unha mostra dos campus

Co traslado das diferentes institucións en marcha, coa vista posta en que os douscentos traballadores estean alí a principios de ano, o edificio Fontán xa acolleu actividades, como os encontros sectoriais sobre o Bono Cultura. Pero este edificio, ademais, xa conta unha exposición sobre o urbanismo e a arquitectura nas universidades, que pode visitarse de luns a domingo, de 10.00 a 20.00 horas. Campus Galicia pretende ofrecer unha lectura innovadora das institucións de ensino superior galegas. Con ese obxectivo realza a valía do patrimonio universitario abrindo miradas á súa arquitectura. Conta con planos, textos e fotografías. Está comisariada por Pablo Campos Calvo-Sotelo e permite facer un percorrido polos edificios máis emblemáticos que hai nos campus galegos.

Hai que lembrar que tamén se pode admirar o mapa de Fontán -xeógrafo e matemático que lla dá nome ao edificio-. Trátase dun dos dezasete exemplares orixinais que se conserva deste documento que lle puxo rostro a Galicia. Pódese admirar ao cruzar polo interior do edificio entre o CINC e o edificio da Biblioteca de Galicia.

Por outra banda, a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, tamén anunciou que están preparando visitas guiadas para dar a coñecer as características arquitectónicas deste edificio que pecha o complexo da Cidade da Cultura en canto a edificacións.