O quinteto é unha das cinco formacións participantes no festival que comeza o xoves
19 sep 2021 . Actualizado a las 04:55 h.Sábado • 18.00 horas • Bonaval • O quinteto Néboa formará parte da representación da música galega no festival Maré, que se desenvolverá en Santiago entre o 23 e o 26. Será a primeira vez nesta cita, onde presentarán o traballo «A realidade enganosa» que foi recoñecido polos Premios MIN. «Foi unha alegría e serviu para sentirnos orgullosos do que tiñamos feito», explica Lucas de Centi.
-Que supón estar na Maré?
-Para todas nós é moi ilusionante. De feito, nos dous últimos anos varios membros fomos público do festival. E, ademais, creo que encaixamos ben porque estamos dentro da estética lingüística do festival.
-No disco teñen temas en galego e portugués.
-Non é por algo exótico senón porque parte de nós viviu en Lisboa e parte dos músicos que participan son portugués. Entón, hai encaixe polas linguas na Maré, pero o festival tamén ten bastante de reivindicar unha tradición. Nós non é que fagamos música de raíz ou tradicional, pero si que tratamos de ter unha identidade que nos diferencie do resto de grupos que fan pop no mundo.
-É difícil poñerlle unha etiqueta única a súa música.
-Cando fixemos o disco foi unha suma de identidades e saíron moitas influencias de moitos tipos. Cando fixemos «A realidade enganosa» non houbo vontade de constrixirse a ningún tipo de son. Somos unha banda que fai pop ou pop alternativo e que despois nos alimentamos do que se poña por diante: jazz, electrónica, tradicional...
-O festival homenaxeará a Narf, e vostedes participaron no certame que leva o seu nome. É pechar un círculo?
-Narf é unha figura importante para nós a nivel artístico porque se existe a letra de «Coidar as colmeas» é porque Sandra e eu descubrimos a versión que facían do «Alalá das Mariñas» Narf e Uxía.
-Que van ofrecer no concerto, temas deste primeiro traballo longo?
-Hai case un ano da súa publicación e tivémolo un pouco complicado, así que aínda son dos primeiros concertos para presentalo. Xa estivemos no Apóstolo, pero foi unha cousa máis repousada e isto vai ser unha actuación máis de festival e intentar ofrecer o máximo no tempo que che dan.
-Anuncian novidades nesta recta final do ano. Pódese coñecer algunha?
-Hai novidades o mes que vén. Haberá revisións das cancións do disco por parte das nosas artistas preferidas, unha galega e outra portuguesa.