Monse Vilar: «A inversión na rúa Concheiros non é para o barrio, é para o turismo»

Margarita Mosteiro Miguel
marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CATUXA PRIETO

«Non houbo plan de mobilidade previo, todo vai sobre a marcha», apunta

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Monse Vilar Figueirido ten unha visión completa da vida de San Pedro, a que lle da ser veciña e comerciante do barrio. Dende sempre estivo implicada nas actividades e na vida dun dos barrios máis activos de Santiago. E precisamente a súa implicación a levou a asumir a presidencia da Asociación de Veciños A Xuntanza de San Pedro, unha das máis lonxevas e activas do tecido veciñal de Compostela.

-Dende hai meses Concheiros acapara as conversas polas obras que están en execución barrio?

-É unha obra que mudará a vida do barrio, e está por ver, que sexa para ben. O final non está cerca.

-O Concello anuncia que botarán o formigón pola noite e que incrementarán o persoal.

-Agora xa recoñecen dúas semanas de retraso. Din que se abrirá ao tráfico, pero Concheiros non estivo cerrada nunca. A execución é un cúmulo de despropósitos. Hai uns días dixéronlles aos comerciantes que tiñan que pechar para botar o formigón. É un desprezo total polo barrio e os veciños. Nin eles saben como se rematará a obra: formigón pulido ou asfalto pulido. Din que como na avenida de Lugo, pero tamén como en Basquiños. Tecnicamente din que é o mesmo, pero esteticamente non. O obxectivo é que sexa unha continuidade da avenida de Lugo. Cando no barrio de San Pedro e en Concheiros os veciños facemos unha obra temos que cumprir as normas de Patrimonio. Non podo usar calquera cor, nin calquera material. Eles teñen que ser responsables e os acabados non son os mellores. Se o asfalto pulido é o material máis acaído, que o poñan no casco vello.

-A obra de Concheiros é unha inversión forte para o barrio?

-A inversión na rúa non é unha inversión no barrio. Dixeron agora ou nunca. Non falan con nós. Convén recordar que a asociación sempre colaborou co Concello, e dicir que as nosas críticas son para desestabilizar o goberno local é de vergoña. O concelleiro de Obras tamén é de Relacións Veciñais, e cando di que fala cos veciños, convén recordarlle que falar cunha persoa nunha terraza non é falar cos veciños. Din que vai quedar ben. Para quen? Non é unha remodelación pensada no barrio e nos veciños, é unha inversión para o turismo. Beirarrúas máis amplas, pero non para os veciños. Hai locais de hostalería que xa están tramitando ampliar as terrazas. É unha inversión na rúa, pero non no barrio. Os veciños perden aparcamentos, perden mobilidade. Pedimos un plan de mobilidade previo ás obras, non o fixeron, e as medidas tómanse sobre a marcha. No barrio temos a posibilidade de mercar todo no seu comercio. E o coche os veciños o usan pouco, pero aínda así é necesario para algunhas cousas. Sen un bo servizo público, teñen que dar prazas de aparcamento axeitadas. Pedimos que se reordenara a Costiña do Monte. A parte máis baixa pode ser para San Pedro e manter o alto para a Almáciga, pero nin aceptaron falalo. As prazas de residentes do barrio son claramente insuficientes. Concheiros perde 80 prazas e poñen 30 en Triacastela, onde agora hai 40. As contas non dan.

-Temen que San Pedro perda o seu espírito de barrio?

-A transformación é evidente. Non vou negar o cambio nin a evolución, cando é una transformación dinámica, pero o problema é que sexa imposto. En San Pedro increméntanse os prezos de aluguer, e moitas reformas de casas son para ao turismo. San Pedro avanza cara a un barrio turístico, porque a Almendra non dá para máis e esténdese. Iso é unha pena, porque a riqueza do barrio de San Pedro ven, en gran parte, polos seus veciños. Sinto que o Concello, coa obra de Concheiros, demostra ter un desprezo absoluto ás necesidades do barrio e dos veciños.

«O comercio de San Pedro foi o que mellor aguantou no confinamento, porque os veciños consumen aquí»

O barrio «é máis que o eixe Concheiros-San Pedro, pero non se nota nas inversións do Concello. Só hai que dar unha volta pola Trisca, Belvís, Lagartos, Bonaval, Angustia, Costa do Veedor».

-Son algunhas das rúas que están soportando o tráfico de Concheiros.

-Si, é non están preparadas. É o problema de non ter un plan de mobilidade. A Costa do Veedor está destrozada, e o único que fixeron foi botar asfalto nas fochancas. Rosario está igual, e Betanzos. As inversións son no eixe comercial, que é importante, pero o resto do barrio hai décadas que non é atendido. Poden verse obras na rúa de San Pedro, pero que pasa co resto do barrio?. Non existe, e por dicir isto, din que non somos a voz do barrio. A realidade é que, como non tiñan un plan, foron mudando os cortes de tráfico sobre a marcha. A Costa do Veedor vive unha situación insoportable, pero non están mellor Angustia ou Bonaval. Hai uns días chamaron para dicir que ían asfaltar a rúa de Porta do Camiño cara a La Salle, e que. É unha actuación que afecta a un colexio, pero non resolve o problema dos outros centros do barrio. Betanzos está destrozada, cando van actuar; e cando noutras zonas do barrio, que quedaron destrozadas pola obra de Concheiros.

-Vostedes pediron ao Concello un impulso para o comercio despois das obras. Que lles dixeron?

-Que non. Non hai un plan para recuperar o comercio. Moitos cerraron, porque non poden soportar a situación. Hai uns días moitos comerciantes dixeron neste periódico que as obras están sendo peores que a covid para as súas contas. Pero o Concello di que xa ten un plan para o comercio vinculado á covid. Unha vez máis, é un desprezo absoluto por un dos eixos comerciais da cidade e polo comercio dun barrio. Hai un estudio que asegura que o comercio de San Pedro foi o que mellor aguantou o confinamento e todo o que supuxo, porque os veciños de San Pedro mercan no día a día no seu barrio. O autoconsumo dos veciños sostén o seu comercio. Hai veciños de San Lázaro que mercan no barrio. Coa covid aguantaron, pero as obras levan ao peche a moitos comercios. Sen medidas de axuda, vai ser difícil recuperarse. As medidas pasan por facilitar o acceso ao barrio, aparcamentos, zonas de residentes. Pero as súas ideas van por outro camiño, moi distinto ao que propoñemos os que vivimos e estamos aquí sempre.