Oh! Ayatollah: «Será case como volver a tocar por primeira vez»

La Voz

SANTIAGO

ANGEL MANSO

A banda compostelá ofrecerá no Monte do Gozo o primeiro concerto con público desde a pandemia

20 ago 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

22.30 horas • Monte do Gozo • Gratis • «É unha sensación incrible. É case como volver a tocar por primeira vez». Así describe Nuno Pico, membro da banda compostelá Oh! Ayatollah, as sensacións ante o concerto que esta noite ofrecerán no Monte do Gozo no marco do festival Go!Go!Zo!. As súas palabras teñen fácil explicación xa que o grupo de pop non volvera a actuar con público desde que se decretou o primeiro confinamento pola covid-19.

«Será un concerto de celebración porque facía moito tempo que non estabamos tanto tempo xuntos. Entón é volver a xuntarse todos, é por encima tocar ante o público», relata a voz da formación. A pandemia non só acabou coas súas actuacións, senón que tamén complicou os ensaios xa que Nuno Pico, Anaís Fernández (guitarra e coros), Simón Cuba (batería e coros), Andrés Real (baixo e coros) e Xoel Xeada (guitarra e coros) non residían no mesmo concello. Así que este venres está marcado de xeito especial no seu calendario. «Fainos moita ilusión», incide Nuno. Iso si, para eles as sensacións serán diferentes porque as cancións fanas para ser vividas, bailadas, choradas e cantadas a pleno pulmón. «O directo depende moito da enerxía do público», explica, pero nestes momentos «levamos tanto tempo privados, que tocar xa é unha alegría». Para esta cita no Monte do Gozo recuperarán temas que había tempo que non interpretaban.

Despois do concerto desta noite en Santiago, a banda xa ten novas actuacións previstas en setembro no Festival de Cans, en Pontedeume e en Padrón.

Esta noite, antes (21.15 horas) e despois (23.40 horas) de que Oh! Ayatollah se suba ao escenario, a música soará no recinto da man de Rafa Morcego DJ.