Pilar Tobar, directora do IES Xelmírez II de Santiago: «O próximo curso pensamos que será de novo de moita tensión, pola covid»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Afirma que en setembro comezaron «con moitas dúbidas e certo medo» 

20 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES Xelmírez II superou os últimos anos o 96 % de aprobados na ABAU, e este curso melloraron, pois conseguiron o 98,6 %, con só un estudante reprobado de 75 que presentaron a esas probas de selectividade: «un resultado así é fenomenal; e case un terzo do alumnado conseguiron máis de 10 de puntuación e máis de 12 un 20 % . Seguir nesa liña de manter un nivel elevado de aprobados é un obxectivo», afirma Pilar Tobar, a directora. O centro, situado en Salgueiriños, conmemorou este mes o 175 aniversario.

—Dos tres anos que leva na dirección en dous houbo covid, como valora esta experiencia?

—Foi moi dura. Lembro o último setembro como un mes de moito traballo e de incertezas: non sabíamos cantas aulas poderíamos ter, canto profesorado, se habería docencia só presencial ou tamén semipresencial; comezamos o curso con moitas dúbidas e certo medo polo temor a que puidese haber contaxios.

—E tiveron contaxios?

—Tivemos 15 positivos este curso, sen ningunha cuarentena nin aula pechada. No centro non houbo contaxios; a distancia, a máscara e a ventilación funcionaron e o alumnado respondeu ben. Aínda agora continuamos con tensión para que se cumpran ben todas as medidas de prevención, sen relaxamentos.

—Como prevé o próximo curso?

—Pensamos que será de novo de moita tensión, pola covid. É certo que se fala da vacinación do alumnado, e o profesorado temos a pauta completa de vacinación; aínda así seguirá habendo que facer ben a prevención, porque o virus continuará presente.

—Será o último curso da Lomce, despois comeza a Lomloe: como afectará iso no centro?

—Levo 31 anos de traballo docente e sempre vin como o que máis importa é o traballo día a día na aula. O próximo curso xa muda a avaliación, e haberá que adaptar novos currículos a partir do 2022-2023. Será unha ocasión para reformular algunhas cousas e modificar outras. Nun proceso de transición sempre é interesante considerar cuestións que ano a ano non se abordan.

—Que cuestións?

—Por exemplo, as mudanzas na titulación, na promoción, van obrigar a valorar os verdadeiros obxectivos do ensino, como que se pode esperar e que se lle pode pedir ao alumnado, que lle podemos esixir e que destrezas deben dominar. Ou se as decisións de promoción son colexiadas, talvez o claustro deba aproveitar iso para reflexionar o que é realmente esencial no proceso de ensino-aprendizaxe. Xa houbo outras leis e o que máis importa é o traballo por manter o ensino público de moita calidade. E a pesar das mudanzas persiste unha sensación de que ao profesorado non se nos escoita, que as leis non responden ben ao noso sentir; e non falo precisamente só da Lomloe.

—Como influirá que se adiante a avaliación de setembro para xuño?

—Non ten por que prexudicar. O curso acabará un pouco antes para o alumnado que aprobe todo na avaliación ordinaria. Será cuestión de reformular a programación e adaptar as datas.

—Suporá iso unha vantaxe?

—Suporá vantaxes e inconvenientes. Os equipos directivos terán máis tempo para organizar o curso seguinte, planificar horarios e outros asuntos; e o alumnado chegará en mellores condicións para o novo curso, despois de descansar todo o verán.

—E desvantaxes?

—Tamén terá desvantaxes, si, pois ao comprimir o tempo dedicado á docencia pode haber a tentación de incrementar o ritmo e sobrecargar o alumnado. Eu non o vexo especialmente mal. Xa vivín iso nos cursos 1991-93, cando traballei nun centro que adiantaba a Logse, non había convocatoria de setembro, e no día a día da docencia non vimos que afectase especialmente.

«Desde o 2016 o noso alumnado aumentou un 40 %»

Pilar Tobar esclarece que se decidiron a celebrar o 175 aniversario «para rememorar a nosa historia e conmemorar a fundación do instituto que precedeu aos actuais Xelmírez I e Xelmírez II. Cando a Xunta decidiu estabelecer a sede en San Caetano decretou o desdobramento actual. Como finalizou antes o edificio do Xelmírez I para alí foron o arquivo e toda a parte museística, da biblioteca e laboratorios, despois non se moveu nada. Temos

boa relación, aínda que agora sexamos centros diferentes».

—O edificio do Xelmírez II ten 36 anos, como é a seu estado?

—Necesita unha intervención, que xa lle pedimos á consellería e confiamos que en breve nos responda e se fagan as obras.

—Que problemas destaca?

—Como está construído sobre o río Corvo, o terreo vai cedendo e dá problemas. E as caldeiras comezan a estar vellas, preocupan as tubaxes e hai outros detalles. Pedimos unha intervención integral e esperamos non ter que esperar moito para que se faga.

—O Xelmírez II tivo desde os inicios unha relación moi estreita con Vite, continúa?

—Si. Formamos parte de Vite Rede, asistimos a reunións periódicas e mantemos colaboración estreita. Aínda que somos máis que Vite: o noso instituto é referencia para a zona norte de Santiago, para alumnado de Vista Alegre, O Romaño, A Peregrina, Enfesta, Nemenzo; e en bacharelato temos estudantes de Trazo, de Val do Dubra e de Oroso. Queremos formar parte da vida de Vite e de toda esa zona da cidade e da contorna.

—Son o único instituto, xunto co Antonio Fraguas, sen oferta de FP, non a pensan pedir?

—Nos 5 anos que levo no centro nunca tratamos diso, non sei se antes o fixeron. O certo é que temos moito problema de espazo para incorporar formación profesional. O próximo curso chegaremos a 120 estudantes en primeiro da ESO, teremos un grupo novo. Desde o 2016 o noso alumnado aumentou un 40 %, é moito. En todo caso, agora non se pide FP.

—En xullo comeza un novo equipo directivo no Xelmírez II, que desafíos deberá asumir?

—O de todos os equipos directivos: traballar por un ensino público de calidade e que demostre que, sen ningún elitismo, mantén a calidade. Atender ben a todo o mundo, ese debe ser o obxectivo. Penso que o ensino público non se debe preocupar por comparacións entre centros e por clasificacións, e non debemos competir entre nós.