Xela Arias volve ao instituto Xelmírez II en Santiago

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

As actividades para lembrar á escritora continúan con presentación de libros, concertos e obradoiros

19 may 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

Xela Arias regresou onte ao instituto Arcebispo Xelmírez II ao que chegara na primavera do curso 1999-2000 como mestra para facer unha substitución no departamento de Lingua e Literatura Española. Fíxoo da man da conferencia da profesora e biógrafa súa, María Xesús Nogueira, e co espectáculo escénico «Vencerse é cousa de se tratar», a cargo de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera. Esta xornada abriu a Semana das Letras Galegas deste instituto compostelán. O programa tamén inclúe a elaboración de videopoemas por parte do alumnado para proxectarse en espazos comúns do centro. No acto inicial participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o fillo de Xela Arias, Darío Gil; a directora do centro, María Pilar Tobar; e o profesor de Lingua e Literatura Galega, Xaime Varela.

O que finalmente non se celebrou onte foi o roteiro sobre Xela Arias organizado pola Escola Municipal de Música no parque de Vista Alegre, que foi aprazado para a próxima semana. Iso si, en Santiago continúan as actividades nos centros socioculturais. Hoxe, no CSC de Fontiñas, terá lugar un encontro sobre Xela Arias.

En Ames, as actividades para lembrar a Xela Arias proseguen ata final de mes. Hoxe, ás 20.00 horas, no pazo da Peregrina, preséntase «Intempestiva», unha biografía literaria da homenaxeada no Día das Letras Galegas a cargo de Montse Pena. Por outra banda, mañá, o pazo da Peregrina acolle a presentación dos poemarios gañadores do certame de poesía erótica «Illas Sisargas»; e o día 26 será a quenda de Suso de Toro coa súa última novela, «Un señor elegante».

Ademais, o Concello organiza dous obradoiros para achegar á cativada a figura de Xela Arias. O primeiro deles será o 21 de maio, ás 17.30 horas, na biblioteca do Milladoiro, para a rapazada de terceiro a sexto de Primaria. O prazo para anotarse remata hoxe. Pola súa banda, o sábado 29 de maio, haberá outro. A programación complétase cun espectáculo de narración oral o día 25, ás 17.30 horas, na Casa de Cultura de Bertamiráns, a cargo de Raquel Queizás; e cun concerto da Banda da Loba, o día 27, ás 21.00 horas, na praza de Chavián en Bertamiráns.