A cidade abandonada


OConcello está a instalar cámaras e semáforos nos accesos rodados á cidade histórica dentro dun proxecto que foi incluído no chamado programa Smartiago, expresión que tenta significar algo parecido a Santiago, Cidade Intelixente. Pero os responsables do Smartiago parecen descoñecer a urbe para a que deseñaron este proxecto, porque non só colocan apoios de formigón para as caixas asentadas sobre o pavimento de pedra, senón que agora sitúan un poste de ferro galvanizado en plena Porta Faxeira para soster a cámara e o semáforo alí instalados, cando o que procede é que o soporte se faga de fundición para manter a coherencia coa contorna.

Esta actuación é un exemplo máis do estado de abandono no que se atopa a zona antiga, situación que percibimos veciños e comerciantes, pero que a Comisión de Patrimonio ou o mesmo Concello non deben ver. Por exemplo, os sinais de tráfico cheos de pegatinas, mesmo no recanto da Reitoría na Praza do Obradoiro; ou a sinalización turística posta no anterior Xacobeo, que agora está rota e que ninguén arranxa, por exemplo na Praza do Toural. Portas e escaparates de edificios e comercios cheas de graffitis como nas Cinco Calles. Paneis de publicidade pegados nas paredes exteriores do edificio da Sociedade Estatal de Correos e que ninguén se preocupou de dicirlles que non cumpren coa ordenanza. A compactadora de lixo, hoxe pechada con candado e abandonada na Travesa de Fonseca, que ademais está deteriorando o pavimento de pedra coa ferruxe que solta, ou as papeleiras de ferro con tapa adosadas aos edificios de pedra que enferruxan as pedras e non son o máis axeitado en tempos de pandemia. Os cables do tendido telefónico por fachada que a compañía Movistar non se preocupa de retirar cando quedan fóra de uso, malia que son de cobre e teñen un certo valor. Outro tanto podemos dicir do gran número de caixas de fusibles en fachadas que a sucesora da Fenosa non mantén e teñen as súas tapas abertas ou que xa as perderon.

A falta de axilidade á hora de resolver o problema dos taludes do Pombal, onde levamos máis de 15 meses cunhas proteccións provisionais en espera de que se acometan as obras de consolidación, que agora se amplían co «tablao» que montaron logo do novo derrubamento da semana pasada. Os numerosos edificios abandonados, e sirva coma exemplo o edificio Olmedo, ao que lle falta a cuberta de vidro do patio interior, ten gretas na fachada, ventás rotas e sen vidros, todo en plena Praza do Toural. O certo é que os anos van pasando e non vemos que se tomen decisións sobre eles. Non podemos consentir que a Cidade estea tan abandonada en pleno Xubileo.

Por Roberto Almuíña Presidente da Asociación de Veciños Fonseca

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A cidade abandonada