Vinteún quilómetros de memoria documental

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Os estantes do Arquivo de Galicia, que cumpre 10 anos, gardan rexistros públicos e privados

13 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como de Santiago a Negreira. Vinteún quilómetros de estantes cheos de caixas con documentos son os que atesoura o Arquivo de Galicia, que agora conmemora o seu décimo aniversario. Creado no 2010 como arquivo intermedio e histórico dos diferentes órganos da Xunta de Galicia, o seu labor no se cingue a custodiar os documentos que testemuñan a actividade da administración local desde 1978 así como outros que foron transferidos no momento do traspaso das competencias como precedentes das accións do Estado, senón que vai máis alá. «Temos un compromiso con toda a conservación e difusión de todo o patrimonio documental de Galicia, co cal tamén recibimos fondos doutro carácter, tanto públicos doutras institucións, como privados, de calquera familia, persoa ou entidade que queira depositalos», explica a súa responsable, Mar García Miraz.

A documentación -conservada tanto no edificio do Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura, como nunha nave do polígono do Tambre- permite escribir parte da memoria de Galicia. Así, entre a diversidade de fondos que garda destacan, entre outros, o Libro de Actas do Consello da Xunta de 1978, que inclúe as actas comprendidas entre abril e decembro dese ano, correspondentes ao período preautonómico; así como planos e proxectos históricos de infraestruturas, como poden ser a vista aérea do encoro e do aliviadoiro de Portodemouros ou o proxecto de estrada de terceira orde de Boimorto a Muros de 1895; ademais de documentación clave sobre o desenvolvemento sanitario en Galicia, como o caderno de notas cos prezos das subministracións adquiridas polo hospital psiquiátrico de Conxo entre 1934 e 1973, pero tamén escritos que amosan o día a día, como dúas cartas dunha enferma ingresada neste centro hospitalario de Conxo á súa filla nas que relata os feitos cotiás.

Nas ringleiras de estantes tamén ten protagonismo importante a documentación sobre a protección do patrimonio. Entre ela, atópase unha carta do comisario de zona do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional ao alcalde de Santiago sobre a localización de catro pezas escultóricas do Mestre Mateo, procedentes do Pórtico da Gloria, retiradas polo seu propietario, o conde de Ximonde, do Museo Diocesano da Catedral en xullo de 1948. Esta documentación de entes públicos convive con arquivos de persoas e familias, así como doutro tipo de entidades. As primeiras doazóns chegaron no 2011: o arquivo da familia Vilariño Pintos e a do avogado compostelán Clemente González Peón. «Hai unha gran riqueza documental. A maioría é documentación administrativa ligadas ás funcións da Xunta, entón, están vinculados coa económica, a educación, a cultura, servizos sociais... E, despois, temos as fontes privadas, que dan un contrapunto a esa visión oficial e achegan unha mirada máis próxima ao día a día, á sociedade», destaca Mar García Miraz.

A decena de persoas que conforman o equipo humano do servizo, ademais de organizar, valorar e conservar toda a documentación, así como traballar na súa dixitalización, incide no achegamento do arquivo á sociedade. Así, ao longo do ano, organiza varias exposicións na Cidade da Cultura en base aos fondos que atesoura -o edificio destinado ao Arquivo e Biblioteca de Galicia inaugurouse o 11 de xaneiro de 2011-, ao que lle une a divulgación a través das redes sociais. «O que queremos é que a xente sexa consciente do valor do patrimonio, tanto do patrimonio documental, como do construído e etnográfico, entre outro. Ao final, non deixa de ser o testemuño da vida do home ao longo da historia», engade a responsable do Arquivo de Galicia. Son cada vez máis os investigadores que se achegan ata as súas salas, pero aínda podían ser máis. Mar García Miraz destaca «o gran filón» que se pode atopar entre a documentación que custodia, que ocupan case a totalidade de estantes dispoñibles. Así, de cara o seu futuro próximo, un dos obxectivos da entidade é o de ampliar a súa capacidade.

Os papeis máis antigos datan do século XV

O Arquivo de Galicia -que conmemorou os seus dez anos nunha mostra primeiro virtual para dar a coñecer o seu labor e despois nas súas dependencias da Cidade da Cultura- garda entre os seus fondos ata pergamiños. Segundo destacou a súa responsable, o documento máis antigo é de fondos privados, do arquivo Vilariño Pintos, e ten a data de 1404. Trátase de documentos de compras de bens que ían pasando de man en man. En canto ao arquivo ligado á Xunta, os máis vellos son do século XIX.