Marta Lois: «O equipo de Bugallo non está preparado para gobernar»

r. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

A nova responsable de Compostela Aberta, a formación que liderou Noriega, cre que o alcalde aproveita a crise da covid para «tapar a falta de xestión»

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo municipal de Compostela Aberta (CA) e a propia formación política enfrontan nova etapa, con novo liderado, logo da marcha de Martiño Noriega. E como no caso do exalcalde, esa dupla representación cae nunha mesma persoa. Voceira do goberno anterior e vicevoceira, entón, de CA, Marta Lois lidera esa nova etapa.

-Son momentos complicados, estes, para facer visible ese relevo.

-Son momentos complicados en xeral para a cidade e no social, no sanitario e no económico e tamén no ámbito da política, pero CA, e eu como nova voceira, estamos con ganas de seguir aportando e facer o labor que a cidadanía nos mandatou, que neste momento é labor de oposición, de fiscalización do goberno.

-Á marxe das limitacións e necesidades que trouxo a covid, onde pon CA o foco a nivel municipal?

-No mesmo, o noso ADN político e prioridades non mudaron. Seguimos apostando pola prioridade das persoas, das políticas no eido social, da educación, pola cultura, a reindustrialización, pola aposta por facer políticas feministas. Iso non quita que estamos nun momento de excepcionalidade, de importantes urxencias de situación sanitaria, social e económica, e o noso labor este ano e medio de mandato foi ter un rol propositivo e construtivo, pero tamén nos parece que este equipo de goberno non está preparado para gobernar neste contexto nin para gobernar Santiago.

-Explíquese.

-Dános a sensación de que Bugallo conta cun equipo que é o froito un pouco da división interna do PSOE, e iso nótase no día a día: hai falta de xestión, de ideas, e é palpable nun momento tan grave coma este. E veremos que fará cando se lle acabe a liña das políticas que sementou CA, porque dános a sensación de que non hai moitas iniciativas. E CA segue esixindo que este goberno sexa máis activo, que teña iniciativa.

-Onde debería pór máis pulo?

-Está un pouco usando a crise da covid como escusa para tapar a súa falta de xestión. Ademais está facendo un pouco deixación das súas funcións. Na primeira fase da crise a institución non foi crítica coa Xunta polas residencias. E segue habendo certa actuación pasiva en canto ás medidas sociais. Debería implementar os recursos da renda de garantías básicas para as persoas máis vulnerables. E segue fiando a recuperación económica ao turismo, que é importante para esta cidade, pero hai que superar ese monocultivo.

-Recentemente dúas sentenzas cuestionaron o proceder de CA para consolidar a música en vivo en pubs e o veto aos pisos turísticos no casco vello...

-Trátase máis de cuestións de forma que de fondo. No caso dos pisos, o fondo argumentativo entra na necesidade de protexer o casco vello e a súa vitalidade, e a sentenza sígueo respaldando. Nesta cidade, no casco histórico, pero tamén noutros ámbitos, proliferaron moitos pisos turísticos e iso deriva en que a disposición da vivenda de aluguer volva ser un grave problema. Parece que a crise da covid agocha este problema, pero iso levou ao encarecemento e a que xente teña que ir buscar alugueres na contorna. En canto á outra sentenza, agardamos que se poida recorrer, pero hai que ter en conta a singularidade de Compostela, que é unha icona da cultura e do traballo cultural moi ligado a espazos como pubs ou bares.

-Como formación, onde está tamén o foco de CA trala perda de presenza das mareas no Hórreo?

-CA segue sendo o espazo de encontro, de cristralización de moitas sensibilidades de unidade popular. A nivel nacional iso non se produciu, non fomos quen de facelo, e haberá tempo para pensar nunha alternativa, pero agora hai que centrarse no local, nas necesidades da xente e na demanda de recursos.