O CGAC amplía a súa colección con traballos de vinte artistas galegos

Montse García Iglesias
mONTSE GARCÍA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

A inversión foi de case 200.000 euros para axudar a creadores e galerías

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A colección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) incorporará 24 novas obras de vinte creadores galegos. Unha ampliación dos fondos do museo que chega a través dunha adquisición pública con carácter extraordinario incluída no Plan de Reactivación do sector cultural da Xunta de Galicia. «Trátase dunha medida para paliar a incidencia da covid-19 no ámbito da arte contemporánea, xa que non puideron participar en feiras e outros eventos, pero que tamén beneficia á colección do CGAC, a máis importante de arte contemporánea existente en Galicia», destacou o director do museo, Santiago Olmo, que dou a coñecer o resultado da convocatoria xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e unha das integrantes da comisión de selección, Agar Ledo. A inversión rozou os 200.000 euros, que se corresponden a fondos procedentes do Xacobeo.

En total, o CGAC recibiu en torno a 350 propostas duns 190 artistas, que chegaron tanto a través das galerías (dezaseis) como dos propios creadores. «Na escolla non só se trataba de ver artistas que non estaban representados na colección, senón tamén aqueles que estando non contaban con suficiente representación. Hai que lembrar que é importante que haxa series, máis dunha peza por artista, proxectos completos e obras de distintas épocas. Deste xeito, non só axudan a comprender a traxectoria, senón tamén a incidencia dos movementos no decurso da escena artística», explicou o director do museo.

A comisión de selección -na que a Santiago Olmo e a Agar Ledo había que sumarlle os nomes de María Pereira e Semíramis González- escolleu dez pezas a través de oito galerías e outras dez de artistas. «A calidade das propostas foi moi importante e chegar a un acordo non foi doado, pero sempre foi un proceso con respecto aos artistas e á colección do CGAC», afirmou Agar Ledo, que avogou porque esta medida de adquisición de obra teña continuidade en próximos exercicios. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, indicou que a idea é poder proseguir o ano que vén con esta partida que reforza as adquisicións que de xeito ordinario viña facendo anualmente o centro -conta no orzamento con 100.000 euros para a compra de obra-. Tamén salientou que a iniciativa permitiu «pulsar, coñecer a situación actual do sector», ademais «de achegar recursos tanta ás galerías coma aos artistas».

Á hora de seleccionar as pezas, priorizáronse a pertinencia das obras e artistas na colección do CGAC. Ademais, os traballos escollidos responden a criterios como a calidade, a súa representatividade na traxectoria artística do elixido ou que poidan inserirse no relato artístico do museo.

Con distintas técnicas e autores de varias xeracións

As 24 obras adquiridas a vinte artistas responde, segundo destacou o director do CGAC, non só a diferentes técnicas -hai pintura, fotografía, vídeo, instalacións, esculturas e de técnica mixta-, senón que tamén se tivo en conta abranguer distintas xeracións de autores. As pezas, tanto adquiridas aos artistas como a través das galerías de arte, son obra de Almudena Fernández Fariña, Andrea Costas, Berio Molina, Carlos Rodríguez, Damián Uceda, Isaac Pérez Vicenti, Jacobo Bugarín, Juan Luis López, Verónica Vicente Álvarez, Xurxo Lobato, Loreto Martínez Troncoso, Salvador y Juan Cidrás, Carla Andrade, Julia Huete, Pablo Barreiro, Menchu Lamas, Amaya González Reyes, Ana Pérez Ventura, Mauro Trastoy e Eva Díez. No caso das galerías foron oito ás que finalmente lle adquiriron as obras nesta compra extraordinaria aberta pola Xunta para reactivar o sector.

Unhas 1.500 pezas nos fondos para construír un relato e a memoria

O CGAC conta cunhas 1.500 pezas na súa colección, na que non só están artistas galegos, senón a nivel internacional. «Con ela é posible trazar o relato da historia contemporánea desde o punto de vista de Galicia. É unha colección internacional, pero desde onde miramos o mundo é moi importante», afirmou Santiago Olmo, indicando que as 24 pezas adquiridas reforzan a sección de artistas galegos. Engadiu que a adquisición no marco do Plan de Reactivación permitiu atender un espazo que co orzamento do día a día non podía alcanzar.

Estas pezas adquiridas a intención é que dialoguen co resto de fondos da colección e reflexionar sobre liñas de investigación que xa teñen abertas desde o museo de arte contemporánea.