O CDG aposta por achegarse máis ao espectador con tres producións propias

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Cedida

Os espectáculos contan con dirección compartida e poderanse ver no 2021

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) abriu unha tempada na que aposta pola produción propia incluíndo tres montaxes, ao que engade coproducións con outras entidades, ademais de tender pontes con festivais e a nivel internacional. Así é o primeiro curso deseñado por Fran Núñez, que tomou as rendas da compañía pública dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a principios de ano.

Co aumento de montaxes o que pretende «é poder ter o máximo de propostas como unidade de produción, con diferentes formatos e chegar a todos os públicos. Deste xeito, o que buscamos é que calquera espectador teña un espectáculo do CDG para el», explica Fran Núñez. A esta máxima de diversidade de estilos da escena actual, e todos eles con dramaturxias contemporáneas, responden O charco de Ulises, recreación da Odisea de Homero dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso; Terceiro acto, unha homenaxe aos veteranos da escena, que terá á fronte a Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez; e Serva me, servabo te, unha proposta de hibridación de linguaxes, con dirección de Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

Todas as producións propias teñen dirección compartida, «algo moi importante nestes momento no que toca colaborar, tecer pontes, arrimar o ombro. Que un posto tan individual historicamente se comparta é un bo exemplo de cara o que temos que facer o conxunto da sociedade», destaca o director do CDG, que encargou as tres montaxes a referentes da escena galega actual. Así, Marián Bañobre e Carlos Cortegoso son os gañadores dos últimos premios María Casares á dirección e dramaturxia; no caso de Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, recibiron o premio Ojo Crítico e participaron en varias montaxes co Centro Dramático Nacional, lembra Fran Núñez. Por último, Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta, compoñentes de Pálido Domingo, foron premiados no Certamen Coreográfico de Madrid.

As tres montaxes «traballan temáticas ligadas á emigración, á memoria respecto á vellez, e o encontro, tanto entre nós como co entorno», explica o director do CDG, engadindo que o fan desde perspectivas moi diferentes. Aínda que chegarán no 2021 ao escenario non só en Santiago, senón por toda Galicia, os ensaios xa comezaron. Así, xa tiveron os primeiros de Terceiro acto; agora están cos de O charco de Ulises; e nun par de semanas empezarán os de Serva me, servabo te. Con esta medida pretenden axudar aos profesionais.

As montaxes propias

«O charco de Ulises». A recreación da Odisea aborda a emigración, o exilio, a escapada e os reencontros. «Esta actualización que fixo Santiago Cortegoso para traelo entre as costas de Galicia e Bos Aires é fantástica porque creo que xera unha identificación; a xente vai empatizar moito coas personaxes», destaca Fran Núñez. A produción codirixida por Marián Bañobre e o propio Cortegoso contará con dez personaxes en escena e un músico. O elenco está formado por Fran Paredes, Óscar Allo, Paulo Serantes, Manuel Millán, Miguel A. Borines, Inés Salvado, Mónica Caamaño, Rosalía Castro, Chusa Pérez e Raquel Espada. A estrea está prevista para o vindeiro 14 de xaneiro.

«Terceiro acto». «É un espectáculo sobre a memoria, a memoria do teatro, da interpretación e ese lugar que ocupan non só os actores e actrices maiores, senón os maiores en xeral na nosa sociedade. Agora coa pandemia aínda se fai máis necesaria esta reflexión sobre cal é o papel dos», detalla o director do CDG sobre a montaxe. Baixo a dirección de Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez estarán sobre as táboas Belén Constenla, Eduardo R. Cunha Tatán, Mabel Rivera, Fernando Morán e Roberto Leal. A estrea será o 15 de abril.

«Serva me, servabo te». Nesta proposta -«que supón abrir o teatro ás artes do movemento»-, os tres directores -Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta- tamén se subirán ao escenario xunto a Olga Cameselle, Cristina Sánchez Legido, María García de las Llanderas, Raquel García Crespo e Cristian Fernández Castro. A súa estrea e distribución será para o segundo semestre do 2021.

Preto de 60 actividades no Salón Teatro durante os dous últimos meses

Na sede do Centro Dramático Galego, o Salón Teatro, desenvolvéronse 56 actividades entre ensaios, funcións e cesión de espazos para residencias durante os últimos dous meses, destaca o director da compañía pública, Fran Núñez. Foron 34 actividades abertas ao público, ás que hai que engadir as feitas fóra, como foi a estrea dalgunha coprodución. Precisamente, esta tarde poderá verse un novo espectáculo de Cinema Sticado, despois de funcións o venres e o sábado. A seguinte cita será un novo «Mércores na Varanda», o ciclo musical con motivo do 100 aniversario do Salón Teatro. En próximas datas tamén se desenvolverá o acto central conmemorativo do centenario.

Múltiples coproducións

Por outra banda, desde a compañía dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) tamén están traballando en diferentes coproducións, non só ao longo de Galicia, senón tamén a nivel internacional. Así conta con montaxes xunto a tres espazos creativos e compañías do ámbito teatral de Vigo. Tamén incrementará as sinerxías coa ESAD e recupera o Proxecto Nós, de intercambio e circulación internacional de estudantes en materias escénicas. Neste caso, haberá colaboración con dúas escolas portuguesas e unha francesa. Ademais, tende lazos con varios certames, así como co Centro Dramático Nacional (CDN), cunha produción xunto a compañía Chévere. Por outra banda, ao longo da tempada, no ámbito de apoio á dramaturxia contemporánea, convocará unha nova de bolsa de creación.