«O aspecto social é tan importante como o ambiental»

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia do covid-19 evidenciou a posibilidade de mudanza na produción agrícola «e o espazo rural que rodea as cidades e as vilas debe ser o seu hórreo, de onde se alimenten, con produtos de proximidade, frescos e de temporada», afirma Xosé Manuel Durán Orús, presidente de Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia. Ten certificado polo Craega un establecemento colaborador para comercializar alimentos ecolóxicos e promove una explotación de apicultura que prevé certificar en breve, avanza.

-Como é a produción ecolóxica ?

-Na memoria do Craega do 2019 vexo o enorme peso das grandes cadeas de distribución na comercialización de produtos ecolóxicos, que utilizan como reclamo. Hai anos que reclamamos máis apoio para os pequenos produtores labregos e para o pequeno comercio local como enlace entre produtores e consumidores. E que se apoie máis o consumo no noso país, pois o mercado interno é aínda moi pequeno.

-Como lles inflúe a pandemia?

-Notamos unha maior sensibilización da cidadanía cos pequenos produtores e co comercio local, moita xente tiña medo das grandes aglomeracións e tamén pedían que se lles levasen produtos á casa e hai que manter esa sensibilización. Vimos interese no mercado de proximidade, nun modelo como o que se está a promover en Francia e outros países de Europa e que aquí tamén se debía facer. Iso axuda para fixar poboación e a ter un rural máis vivo, que viva dignamente da produción agraria.

-Como é a experiencia da asociación Non é o mesmo en Santiago, que tamén preside?

-Está integrada por 17 produtores ecolóxicos certificados, 17 familias labregas. O máis interesante é que establecen prezos que consideran xustos, e a restauración e as tendas que apoian non os cuestionan. É unha experiencia moi valiosa e un paso adiante para un mellor medio rural.

-Como debe ser o futuro?

-O aspecto social é tan importante como o ambiental, e pasa por establecer prezos xustos para os consumidores, e sobre todo que lles permitan vivir dignamente aos produtores.