O PEL elévase en dez millóns para axudar a autónomos e microempresas

d. Vázquez REDACCIÓN /LA VOZ

SANTIAGO

-

Suporá achegas de entre 1.500 e 3.000 euros para os beneficiarios

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación coruñesa dotouse con dez millóns e agora, a través do programa PEL-Reactiva, duplicarase esa cantidade, segundo anunciou onte o presidente da entidade, Valentín González Formoso, que avanzou que con esta segunda achega búscase axudar a autónomos e microempresas tras sufrir «o efecto colateral ao destrozo sanitario que leva vivindo o país estes últimos meses», aludindo aos ERTE e «ao risco de desaparición do tecido produtivo como o noso, moi baseado na microempresa».

«Tiñamos a idea de apoiar aos autónomos da provincia, que poden chegar aos 83.000 profesionais», indicou e desvelou que intentaron, sen éxito, ter a colaboración da Xunta nese obxectivo. Cualificou a proposta de «superresponsable, apegada á realidade e non todo o áxil que quixéramos -gustaríanos ter sacado isto antes-, pero a burocracia limítanos, mais aquí está a achega da Deputación da Coruña a esa chamada de socorro que o tecido produtivo da provincia fixo hai un tempo», comentou González Formoso.

A este plan terán que adherise os concellos, para o que teñen de prazo ata o 9 de outubro, cun compromiso de sufragar outro 20 % das axudas, elevando así os fondos aos 12 millóns. Tamén se avanzou que as Administracións locais que xa puxeran en marcha axudas similares poderán incluílas. O responsable do programa, o deputado da área de Emprego, José Ramón Rioboo, comentou que o PEL-Reactiva pretende servir de «humilde axuda» ao empresariado da provincia. Os primeiros beneficiarios deste plan serán os autónomos que tiveron que pechar os seus negocios, e as axudas irán dende os 1.500 euros para quen non teña persoal contratado aos 2.000 para os que conten cun traballador, os 2.500 para os que teñan entre dous e cinco e 3.000 euros para os que contrataran entre seis e nove.

No caso de que non se consuma toda a partida, poderán tamén solicitar axudas os que viran reducida a súa facturación nun 75 % no segundo trimestre fiscal, e se os fondos o permitiran podería chegar para os que tiveron que acollerse a un ERTE.

O deputado responsable de Contratación, Xosé Lois Penas, explicou a complexidade de activar un plan destas características, que considerou modélico, cuns orzamentos xa en vigor dende o 1 de xaneiro e coa maioría das partidas xa comprometidas. Indicou que se lograron os fondos baixo os conceptos de «empatía, para estar á altura das circunstancias, e solidariedade de todas as áreas».

Concellos da área de Santiago

Na área de Compostela, a asignación provincial ascende a 2.396.657 euros: Ames (466.038), Arzúa (101.059), A Baña (30.317), Boimorto (22.932), Boqueixón (61.607), Brión (76.571), Dodro (27.596), Frades (28.957), Melide (175.687), Mesía (29.346), Negreira (104.168), Ordes (224.079), Oroso (107.666), Padrón (183.266), O Pino (62.773), Rois (48.391), Santa Comba (169.662), Santiso (16.130), Teo (232.047), Toques (11.272), Tordoia (33.233), Touro (36.148), Trazo (31.289), Val do Dubra (54.027) e Vedra (62.384). Os concellos achegarán, en conxunto, 599.164 euros.

Prexudicados polo «sándwich da inxustiza», sen usar aforros e pagando comisións

González Formoso criticou o que denominou como o «sándwich da inxustiza», ao non poder usar os aforros para a reactivación económica, polas limitacións estatais ao uso do superávit contable acumulado nestes anos, e estar abocados a pagar comisións anuais aos bancos.

«É o mundo ao revés: canto máis recursos consigas obter e máis serio sexas na túa xestión convértese nun problema», dixo o presidente da entidade provincial, e revelou que, aínda que cabería ver vantaxes en ter débeda cero, enfróntanse agora aos bancos, que reclaman por xestionar as contas comisións que, no caso da Deputación coruñesa, elevaríase aos 400.000 euros anuais.

Comentou como anécdota que dende as entidades bancarias rifan ao tesoureiro por ingresar fondos para plans. Criticou que se prime o endebedamento, e dixo que esa situación convérteos en peores xestores. Pola súa banda, Xosé Lois Penas, responsable da área de Contratación, cuestionou que se rescatara ás entidades bancarias e agora se penalice o aforro dos galegos. «É un sistema perverso», dixo.