Din que as crises sempre abren novas oportunidades. Unha aseveración difícil de soster cando se pensa no loito e na tristura inconsolable que deixa a marcha en soidade dos máis próximos. Difícil tamén de encaixar para quen perdeu ou ve cambalear o seu sustento habitual. Non é doado nesas circunstancias albiscar consolo para os nubeiros que se queren instalar no horizonte. E, sen embargo, oportunidades haberá. A vida segue e iso en si mesmo abre un rego de oportunidades. A cuestión está en como encamiñalas como sociedade. Porque a normalidade (a pretérita) volverá ás nosas vidas, quizais con novos parámetros de hixiene no contacto social e cunha maior dose de combinación do traballo presencial e remoto nas relacións laborais e institucionais. A crise económica remontará, aínda que sería máis que iluso pensar que o fará para todos igual. Santiago terá unha boa oportunidade co ano santo. As expectativas xa non se moverán nos parámetros que se albiscaban antes desta pandemia que todo o mudou, pero o 2021 abrirá un halo de luz para dous dos sectores máis tocados polo covid-19, o comercio e a hostalería. O Xacobeo tirará da cidade, pero, á marxe das leccións que a sociedade teña que tomar desta crise sanitaria e, á marxe tamén do impulso que nestas circunstancias poida aportar esa cita excepcional, a cidade debería poder sacar partido tamén de iniciativas que esta pandemia está forzando para encarar vellas demandas e aspiracións que nunca pasaron de aí, como o abaratamento do aparcamento no centro vinculado á actividade comercial, e outras máis recentes como as peonalizacións brandas puntuais. Esta crise está sendo un laboratorio nese senso.