O casco vello traza o seu mapa sonoro

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CONSELLO DA CULTURA / La Voz

O Consello da Cultura grava o son desde 40 puntos, coa Berenguela como fondo

08 feb 2020 . Actualizado a las 00:39 h.

As cidades evolucionan arquitectonicamente, de xeito visual, pero tamén cambian os seus sons. Santiago, e a súa zona vella en concreto, non é allea a esta metamorfose que pretende recoller o Consello da Cultura Galega. «Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio» é o nome do encontro que durante dous días permitiu afondar nas técnicas de dixitalización para conservar as atmosferas sonoras. Dentro da primeira xornada realizouse unha experiencia práctica para recoller o son do casco histórico compostelán. Guiada por Xosé Ramón Pousa, director do Arquivo Sonoro de Galicia, os asistentes gravaron a melodía cotiá da zona vella desde corenta puntos diferentes, e coa Berenguela como epicentro.

Foron dez minutos, entre as 16.55 e as 17.05 horas, para aproveitar as campás das cinco da tarde. En cada praza e rúa situouse un participante que recolleu o son durante eses dez minutos. Porque o mapa sonoro tamén fala da historia e de como cambian as cidades. Por exemplo, tal e como explica Xosé Ramón Pousa, xa non se escoitan os oficios tradicionais: «Nun exercicio que fixemos hai máis de vinte anos na Facultade de Xornalismo a atmosfera sonora da rúa do Vilar e da rúa Nova estaba marcada por un ferreiro que estaba en Entrerrúas e expandía o son por esa zona».

O mesmo ocorre coa propia Berenguela, que xa non soa igual, porque se cambiaron as campás, así como coa chegada dos turistas, coa prohibición dos coches na zona vella... «É importante para o futuro gardar a atmosfera sonora da cidade, porque cambia, evoluciona a tecnoloxía, desaparecen os oficios... Moitas veces é ruído, pero tamén hai sons que achegan moitísimo valor», di Pousa. Fonseca, a Inmaculada, Praterías, o Obradoiro, as principais rúas do casco vello. Durante dez minutos recolléronse de xeito simultáneo os sons do ambiente cun elemento integrador, a campá da Berenguela, para demostrar a importancia de gardar este patrimonio inmaterial que reflicte como se transforma o barrio histórico dunha cidade.

As gravacións editaranse e serán incorporadas ao mapa de sons de Galicia

As corenta gravacións que se fixeron pola tarde vanse editar para incorporarse ao Mapa Sonoro de Galicia, unha ferramenta do Consello da Cultura Galega. Non se trata de sons recollidos en alta calidade, xa que dese xeito non se podería facer en corenta sitios ao mesmo tempo, e por iso tampouco se incorporan ao Arquivo Sonoro. Si ao mapa, que está aberto a todas as persoas que queiran contribuír a gardar un son que consideren que ten valor.

Por exemplo, actualmente na páxina web deste mapa aparecen en Santiago só dezaseis gravacións, fronte ás máis de duascentas da zona de Quiroga, en Lugo. A maioría son voces e música, pero tamén sons de ambiente, como a viaxe sonora polo Miño desde o nacemento ata a súa desembocadura, o son das palilleiras, o do afiador, o do lume na lareira, o de andar sobre follas secas, o das campás chamando á misa ou o temporal na torre de Hércules.