Se algo non é Compostela para Berta Dávila é unha cidade universitaria. Nin literaria. «Tampouco me identifico moito con esa Compostela literaria a nivel persoal. Para min é unha cidade que non está asociada a esa idea romántica que ten algunha xente que veu estudar e para a que a chegada a Santiago era a chegada á vida adulta, á liberdade, a relacionarse doutra maneira, á independencia... Na miña experiencia, Santiago o único que non é é unha cidade universitaria. Porque eu vivín como filla e vivín aquí como nai, fundamentalmente». Así que non, «non asumo a cidade como un territorio de mitoloxía».
Pero semella que si que empeza a haber una Compostela mitolóxica. A que aínda perdura nas lembranzas dos picheleiros que teñen visto, como Berta Dávila, o proceso de xentrificación que aconteceu, especialmente, durante os últimos cinco anos. «A volta que me tocou foi a de alugar pisos e intentar vivir aquí». Cinco casas en tres barrios en dez anos: San Pedro, Sar e o Ensanche. «Para min é algo preocupante neste momento. Creo que é unha pasada o tema de alugar piso, dos Airbnb e de como nos prexudica á xente que queremos vivir aquí e queremos vivir dunha maneira normal»: ter unha familia, levar os fillos ao cole, facer a compra, pasear...
«Gustaríame ter outra vivencia da cidade que non fose esta zona monumental que cada vez se converte máis nun lugar ao que ir de paseo, non nun lugar onde vivir». E logo está a zona nova. «Descubrín que hai moito barrio e que é onde atopas á xente de Santiago ou xente que coñeces». E despois, están as librarías. «Moitas das librarías que hai en Santiago diseminadas, de moi diverso tipo, son recunchos nos que a miña cidade se salva. Nos que aínda me sinto parte da cidade».