Un ritual depurativo con «O que segue» no Salón Teatro

O espectáculo de Cristina Balboa, que poderá verse a partir do venres, mestura música, danza, texto e videocreación


«Contar unha historia de sanación ou depuración». Ese é o obxectivo de O que segue, o novo espectáculo da artista Cristina Balboa (Cambados, 1979), que dende este venres ata o domingo poderá verse no Salón Teatro. Trátase dunha coprodución da compañía Funboa Escénica e do Centro Dramático Galego (CDG).

Para ese ritual depurativo que supón O que segue, a artista fusionou todo o que lle gusta en escena. «Completei o círculo. Nas últimas pezas que fixera fun roldando polo humor, pola música..., pero nunca estaban todas esas cousas que a min me gustaban xuntas. Nesta decidín unir todo o que quero facer en escena: gústanme moitos os textos -nun pasado facía monólogos-, entón a comedia sempre me interesou; gústame bailar, aínda que foi nas discotecas, pero nesta peza intento que sexa unha forma de intentar emular ese espírito; gústame moito a música, e incluína; e, desde hai moito tempo, fago vídeos. Entón, intentei que aquí estivesen todas esas cousas», afirma Cristina Balboa, que se encarga do texto, dirección e interpretación desta peza na que foi fuxindo do teatral e de contar unha historia tal cal, con personaxes clásicos, e achegándose á performance escénica, pero que «segue tendo ese contido de teatralidade».

Toda esa mestura de danza, música, texto e videocreación vai dirixido a contar unha historia na que Cristina Balboa decide «deixar atrás a ira do pasado e usar a escena como algo que me sirva para gozar e facer un ritual depurativo a nivel de confrontación de min mesma coa escena, coa arte, coa precariedade e con todos os temas que tratei nos meus espectáculos». A artista explica que os seus anteriores textos eran moi desgarradores, aínda que tamén usaba o humor. En O que segue, pola súa banda, «teñen esa parte de garra, pero dende outro lugar; non tanto como un reproche ao público, senón facéndoo partícipe deste xogo que eu invento para comunicar o que eu necesito neste momento. Quero dicir que estamos aquí vivos, que estamos sempre pensando no que vén e non gozamos para nada do presente e, aínda por riba, temos un montón de eivas, como pode ser a precariedade das artes».

Naceu hai máis dun ano

Para atopar a orixe de O que segue hai que remontarse máis dun ano. «Cheguei a un límite nas miñas pezas, xa non quería falar dun tema. Entón, cando xurdiron as Residencias Paraíso, enviei unha carta dicindo que pretendía traballar unha peza escénica dende min mesma pero sen saber o que quería», explica Cristina Balboa. Así, chegaría a residencia na sala Agustín Magán en abril e maio do 2018 e despois, a principios deste ano, estivo no Salón Teatro, para finalmente converterse nunha coprodución co CDG. Neste ano e medio a montaxe foi fumando moito. «Non ten nada que ver co que presentei na Sala Magán nin en xaneiro no Salón Teatro. Mudou completamente. Aínda que se manteñen algúns textos e música, todo é bastante novo», afirma a actriz e directora, que explica que a súa meta é «divertirme e que a xente se divirta».

Na peza, Cristina Balboa vai tecendo durante máis dunha hora episodios nos que «quero sandar, cerrar, compartir e sentirme comprendida». Neles fala do pasado, do que fomos, pero «tamén hai moito medo a morte». Iso si, indica que sempre hai algo de esperanzador. «Non intento facer nada ficticio, todo é real. Non minto en escena», conclúe.

«Ten que haber máis posibilidade para a investigación»

A estancia durante tres días da coprodución entre Funboa e o CDG no Salón Teatro é para Cristina Balboa «unha sorte», sobre todo ao tratarse de teatro contemporáneo, porque hai menos foros a onde poder levalo. «Os espazos e festivais que teñen querenza por este tipo de traballos están desaparecendo en Galicia. Xa temos máis funcións fóra e é unha pena. O público en Galicia ten que ver o que se está facendo hoxe, ten que haber máis posibilidade para a investigación». O que segue xa ten cerrada unha función na Coruña.

Neste proxecto, Cristina Balboa tivo a colaboración, entre outros, de Manu Lago, Manuel Parra ou Mario Trastoy, aínda que ela asumiu o groso creativo.

Outras dúas coproducións do CDG recalarán en Santiago este ano

Ademais da montaxe de O que segue, outras dúas coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) recalarán en Santiago neste ano. Unha delas é unha ópera, A amnesia de Clío, que se estreará no Auditorio de Galicia o domingo 10 de novembro a partir das 20.30 horas. Nela abórdase a vida política de Cicciolina. Un proxecto impulsado pola compañía compostelá Voadora e pola Real Filharmonía de Galicia (Consorcio de Santiago), que tamén conta coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. A música foi composta por Fernando Buide e conta con texto de Fernando Epelde. As voces poñeranas Raquel Lojendio (soprano), Sebastiá Peris (barítono) e María Pardo (mezzosoprano). Tamén estarán acompañados polo Orfeón Terra A Nosa. Da dirección musical encárgase Paul Daniel, mentres que Marta Pazos, cofundadora de Voadora, asumirá a parte escénica.

Xa en decembro, case para pechar a programación anual, chegará a outra das coproducións, neste caso, coa compañía Limiar Teatro. Trátase de Se fosen turistas levarían gafas de sol, unha comedia que reflexiona sobre a emigración pasada e presente. Contará con nove artistas en escena de Galicia, Portugal, Arxentina e Uruguai. Nesta montaxe, que se estreará a final deste mes en Montevideo, fusiónase o teatro e a música. Na sede da compañía pública galega poderase ver entre o 11 e o 21 de decembro, con funcións de xoves a sábado ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas. Ademais, despois das representacións do xoves, o público poderá participar nun encontro cos artistas. Tamén haberá funcións matinais o mércores 11 e o xoves 12.

Seis no próximo curso

Estas coproducións do Centro Dramático Galego enmárcanse na súa liña de apoio ás compañías de teatro galegas. Un xeito alternativo e complementario ás subvencións á creación escénica que convoca anualmente a Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Ao longo do que vai de ano, xa pasaran polo Salón Teatro outras coproducións, como Doppelgänger, coa compañía Berrobambán; A compañeira de piso, de Contraproducións; Invisibles, de Redrum Teatro; e Soma, de Javier Martín.

O ano que vén, o Centro Dramático Galego ten previstas outras seis coproducións con compañías e artistas galegos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un ritual depurativo con «O que segue» no Salón Teatro