David Barbeira, alcalde de Santa Comba: «O goberno co PSOE non periga»
SANTIAGO
Apela a que os partidos deixen as rencillas e traballen por solucionar os problemas
01 oct 2019 . Actualizado a las 05:05 h.Tralo tenso pleno en que o alcalde, David Barbeira, de Compromiso por Galicia, tombou co seu voto en contra tres mocións dos seus socios do Partido Socialista, o rexedor analiza o afloramento das diferenzas de criterio no goberno e apela ao traballo unánime dos tres grupos municipais.
-Que os seus socios estando no goberno lle presenten catro mocións, non parece moi normal.
-Contaba cunha oposición dura, pero o que máis me sorprendeu é que fosen os propios socios de goberno, pero creo que está no panorama político de Santa Comba e hai que lidiar con iso.
-¿Este desacordo significa que non hai boa sintonía co PSOE?
-Eu creo que non hai que darlle máis importancia da que ten. Os socialistas son os nosos socios de goberno, pero sabemos que é unha coalición e cada partido ten as súas ideas, e seguramente, non imos coincidir en todo. Nós intentaremos chegar a acordos.
-¿E non as consensuaron antes?
-Eles presentan catro mocións, nunha estamos de acordo e nas outras tres non. Se me houbesen consultado antes, pois houbésemos debatido. Eu no pleno din os meus argumentos e seguro que ao longo da lexislatura vanse a dar máis casos destes, pero creo que entra dentro da democracia que non esteamos de acordo en todo. De aí a dicir que hai problemas... Eu entendo que foi algo puntual, e seguiremos traballando co Partido Socialista, porque ambos queremos un cambio para Santa Comba.
-¿Sería mellor tratar menos asuntos deste tipo no pleno?
-A min o que me gustaría é que a política empece a ser política de verdade. Que haxa máis diálogo, xa non só cos meus socios de goberno, senón tamén co PP na oposición e que nos deixemos de rencillas e traballemos polo que de verdade importa: o pobo. Creo que a xente de Santa Comba espera algo máis de nós, e eu vou traballar para que iso cambie.
-¿Un bo exemplo disto serían os presupostos ou o Plan de Obras?
-Ogallá as tres forzas podamos aportar tanto nos orzamentos coma no POS e sexan consensuados e apoiados por unanimidade. Que sexa algo de todos, e sería un paso primordial para que haxa un cambio para Santa Comba.
-¿Vaise facer a obra do campo de fútbol?
-Queremos mudar a forma de facer as obras. Facelas ben, e non mal e a última hora. O proxecto dun céspede de herba artificial era un desastre, digamos que un proxecto incompleto, cunha parte do campo sen arranxar, uns seiscentos metros cadrados con zahorra. Eu, como máximo responsable, no podía autorizar unha obra cun acabado deficiente, e hoxe [por onte] transmitinlle á presidenta do Xallas C.F. que só estamos pendentes de que eles nos poñan unha data para iniciar as obras.
-¿Enténdese que asume o Concello un incremento do custo?
-Así vai ser. Faltaba unha partida e nesta semana cremos que vai quedar solucionado. Tampouco entendo que no seu momento o Partido Popular non quixese explicar como estaba o proxecto.
-¿Como está o proxecto do centro de día?
-É algo de vital importancia. Temos xente soa nas casas e agardamos que a Vivenda Comunitaria poida albergar este servizo. Xa tiven unha reunión con xente que xestiona estes centros e falta un informe dun arquitecto para saber que temos que modificar do inmoble e presentarllo á Xunta de Galicia.