Euloxio R. Ruibal: «Filmamos a derruba do Castromil para que quedara un testemuño»

O documental proxéctase hoxe en Curtocircuíto na homenaxe ao equipo Lupa, o primeiro proxecto galego dedicado á produción cinematográfica fundado por Ruibal e Félix Casado


Santiago / la voz

En 1969, co espírito do ano 68 flotando no ambiente, coñecíanse na Coruña dous amantes do cinema e da cultura: Euloxio R. Ruibal e Félix Casado. Un era escritor de guión e ao outro gustáballe a fotografía e facía traballos en Súper 8. Un «feliz encontro», como o define Ruibal, que dou orixe ao equipo Lupa, o primeiro grupo que emprendeu un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galicia. «Máis que amateur, o que queriamos era ser un equipo independente, ao modo dos grupos de teatro, como Los Goliardos», explica. Esta noite, ás 20.15 horas, no Teatro Principal, Ruibal e este grupo do que tamén formaron parte Ana Antón, Roberto Vidal Bolaño, Clemente Crespo, Xosé Ramón Pousa, Miguel Pérez Romero, Lucrecia Carril, Pablo Crespo e Jesús Velasco, entre outros, recibirán unha homenaxe en Curtocircuíto, nunha actividade en colaboración co Cineclube Compostela.

No marco deste recoñecemento proxectaranse cinco dos seus traballos, entre eles, O edificio Castromil, que recolle as imaxes do derrubamento do emblemático edificio compostelán no ano 1975. «Non había conciencia do patrimonio que se ía perder e filmámolo para que quedara unha testemuño del», relata o director da maioría dos traballos do grupo Lupa, coordinador, encargado de produción... «había que facer un pouco de todo». No traballo de filmación do inmoble modernista, que coordinaba Vidal Bolaño, participaron varios membros do equipo. Querían varias cámaras para recoller todo o proceso, pero, finalmente, só puideron contar con unha. Durante os quince días, aproximadamente, que se prolongaron os traballos de derrubamento -«ían moi lentamente, como se quixesen facer unha agonía moi longa»- os integrantes de Lupa facían gardas coa intención de non perderse o momento no que se viña abaixo. «O máis importante, para min, é que se puido filmar o edificio tanto por dentro como por fóra. A ornamentación interior case ninguén a coñecía», destaca Ruibal, lembrando que por aquel entón «estabamos todos moi afectados, moi cabreados e compunxidos porque non comprendiamos como se tiraba esta xoia arquitectónica».

Ao equipo Lupa, o que lle interesaba era, principalmente, o cinema de ficción. O primeiro traballo, explica Ruibal, Catro por catro, xa se perdeu, e outros dous quedaron sen concluír, «aínda que un deles cos medios dixitais de hoxe se podería rematar porque houbo uns planos que nos quedaramos sen luz e despois non puidemos repetir». Esta noite proxectarase o segundo, Holocausto, que gravaron en Figueiras, ao pé do monte Pedroso. Nas inquedanzas de Lupa tamén estaban as manifestacións etnográficas «porque queriamos recollelas para dalas a coñecer; non só era producir, senón tamén exhibir», explica Ruibal. No Principal esta noite tamén se proxectarán O Corpiño (1973), no que rexistran esta romaría; A rapa das bestas (1972), filmado en Candaoso (Viveiro), e Peliqueiros (1973), do entroido de Laza.

O equipo Lupa estivo activo como tal uns «oito ou nove anos» coa intención de «contribuír a facer país e reforzar a identidade galega». Despois deste proxecto pioneiro, aínda que seguiron en contacto «e sendo amigos», as súas traxectorias profesionais foron por diferentes eidos. Un dos que mantivo o cinema como actividade principal foi Carlos López Piñeiro. E, que supón esta homenaxe en Curtocircuíto? «Por unha parte, unha alegría. É como rexuvenecer e volver a tempos pasados. Pero, por outra, e tamén supón mostrar os pecados da mocidade (ri), e iso non fai moita graza», di Ruibal, que hoxe estará acompañado doutros membros do proxecto.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Euloxio R. Ruibal: «Filmamos a derruba do Castromil para que quedara un testemuño»