Unha decena de espectáculos enchen o Salón Teatro na recta final do 2019

SANTIAGO

A programación do CDG caracterízase pola súa diversidade e con propostas para todos os públicos

21 sep 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

Da violencia e a crise de valores ata unha viaxe á época dos Reis Católicos. A decena de propostas do Centro Dramático Galego (CDG) para esta recta final de ano caracterízase pola súa diversidade, ademais da clara presenza da escena galega sobre as táboas, como esta fin de semana. Hoxe e mañá regresará ao Salón Teatro AveLina Pérez con Deixa de tocala, Sam. Xa estivo en maio do 2018 no ciclo Teatro Ob-Sceno e agora volve acompañada do pianista Valpister para ofrecer un diálogo teatral-musical.

Pero queda máis teatro en setembro. Os Náufragos Teatro representarán Karelu a próxima semana, do 27 ao 29. Xa en outubro, o programa Camiño Escena Norte recalará no Salón Teatro coa compañía asturiana La Tejedora de Sueños, que o venres 11 representará Como ceniza blanca sobre una hoguera. A trama desenvólvese no século XV, na época dos Reis Católicos. Seguiralle do 18 ao 20 a coprodución do CDG con Funboa Escénica, O que segue. O relevo sobre as táboas tomarao La Quintana Teatro e o seu espectáculo Desde o invisible, unha obra na que dúas actrices interpretan máis de dez personaxes e na que se mostran distintas perspectivas dunha mesma realidade. As funcións serán do 24 ao 27.

Do 30 de outubro ao 3 de novembro chegará Cartoóns, unha coprodución de Excéntricas con Teatro do Adro. O espectáculo dirixido por Víctor Mosqueira supón o primeiro da compañía -que este ano celebra o seu décimo quinto aniversario- para público infantil.

O circo pechará novembro. A compañía Animal Religión chegará o día 30 ao Salón Teatro da man do Foro D10!, con Fang (Barro). Xa en decembro, poderase ver outra coprodución do CDG, neste caso,  con Limiar Teatro. Trátase da peza Se fosen turistas levarían gafas de sol, con funcións entre os días 11 e 21. A despedida do 2019 e a benvida do 2020 será, ao igual que nos últimos anos, con teatro dirixido aos máis pequenos: Animal sagrado, de Aporía Escénica, e Voa voa, de Talía Teatro.

Do 27 ao 29 de setembro • Salón Teatro •

AveLina Pérez: «En ‘Deixa de tocala, Sam’ hai humor, un humor un pouco negro»

Hoxe ás 20.30 horas e mañá domingo ás 18.00 horas • Salón Teatro • Deixa de tocala, Sam empezou na zona do montacargas do Salón Teatro en maio do 2018. Pero a creadora escénica AveLina Pérez sentiu a necesidade de facela medrar. Agora, a montaxe volve, pero para ser representada no escenario, a tan só uns metros da primeira vez. Ademais, a actriz estará acompañada do pianista Valpister para ofrecer un diálogo teatral-musical.

-Que cambiou de «Deixa de tocala, Sam»?

-A proposta nacía da concepción do espazo, que estaba fóra do escenario, no montacargas. A partir de aí sentín a necesidade de facela medrar e púxenme en contacto con Velpister, un pianista. Entre os dous, medrou a nivel textual e, o máis importante, que agora estou en escena cun pianista, cando antes estaba soa.

-Que vai atopar o público nesta montaxe?

-É un diálogo entre música e teatro. Trátase dunha especie de conversa que xira arredor dos poderes, dos focos, dos brillos, dos centros...; tendo en conta -ou polo menos xogando- coa presenza deses outros lugares que non son nin brillo, nin centros, nin focos. Xoga, principalmente, coa sensación deses lugares de brillo e o poder que se lle outorga simplemente por ser.

-Hamlet, Deus, Billy «El Niño»..., conflúen na peza. Como se consegue?

-Son presencias que entran no discurso da actriz e que o condicionan.

-Un diálogo entre vostede e o pianista. Que lle esixe esta proposta?

-Nunca traballara co piano, si que o fixera con música. O que pasa é que nos traballos anteriores a música acompañaba ao texto e á presenza, pero, neste caso, entre os dous construímos o discurso. A música non está ao servizo do texto, senón que constrúe o propio discurso. É moi pracenteiro compartir escena con Valpister, ademais, non nos coñeciamos de antes.

-Tamén é un espectáculo no que cabe a sorriso.

-Para min, na concepción desta peza hai moito humor. Houbo xente que, despois de vela, me dixo: «Tiña moitas ganas de rir, pero non me atrevía». É moi curioso porque outros si que se botaron a rir. Realmente, hai moitas cousas que son aparentemente tomadas en serio, pero nelas hai unha grandísima carga de ironía e de humor, un humor un pouco negro. Pero si existe o humor.

-O título de «Deixa de tocala, Sam» de onde xurdiu? Relacíonase ao filme «Casablanca»?

-Xurdiu da curta do 2018. Tiven moitos dilemas con el. Pero para min «Deixa de tocala, Sam» é unha forma de dicir: ata aquí, xa abonda. Entón, si partiu do filme clásico.

Dúas montaxes coproducidas polo Centro Dramático Galego

As dúas montaxes coproducidas pola compañía pública galega que se poderán ver no Salón Teatro son moi diferentes. A primeira, en outubro, xunto a Funboa Escénica, ten no texto, na dirección e na interpretación a Cristina Balboa e aborda o que vai vir. Pola súa parte, a coprodución do CDG con Limiar Teatro, que chegará en decembro, Se fosen turistas levarían gafas de sol, céntrase na emigración e como esta cambia a sociedade de orixe e de destino. No caso das coproducións, contan con contribución directa dende a Xunta para a materialización das montaxes.

A programación deseñada ata final de ano polo Centro Dramático Galego, que depende da Xunta de Galicia, responde aos seus obxectivos de difusión escénica e de apoio á exhibicións das compañías galegas.