O incremento da cirurxía no verán non é uniforme en todos os servizos. Dermatoloxía é un dos que máis o notan, explica o seu xefe, Hugo Vázquez Veiga: «en xullo do ano pasado realizamos por volta de 140 intervención, e o mes pasado foron unhas 200. Cando dispomos dun quirófano aproveitamos a oportunidade», afirma.
-A que se debe o incremento da demanda?
-Ao gran esforzo de todo o cadro de profesionais, e a unha mellor planificación e aproveitamento dos recursos. A demanda cada vez é maior e hai que lle dar resposta. En dermatoloxía inflúen moito as campañas de divulgación e prevención que se fan precisamente polo verán, pois favorecen que as persoas consulten máis, e así podemos diagnosticar máis e operar máis.
-Como é a actividade?
-Tentamos operar o máximo posible, o mellor posible e o máis rápido posible. Temos un compromiso coas vías rápidas, sobre todo a do melanoma e tamén outros cancros de pel, para resolver eses casos en menos dun mes.
-Pesa moito na cirurxía o cancro?
-Moito, si. Na cirurxía maior, o 95 % do que operamos agora son tumores; temos moitas menos intervencións de úlceras e outros procesos que eran frecuentes hai uns anos. Tamén inflúe o envellecemento da poboación: notamos un gran incremento de pacientes de máis e 80 anos, e todos os meses operamos algunha persoa centenaria.
-Por que hai tantos tumores?
-Porque se detectan moito máis e mellor. Utilizamos a e-consulta [con atención primaria e outras especialidades] exclusivamente para tumores, benignos ou malignos. E a teledermatoloxía tamén favorece a detección do cancro de pel e o poder sacar da lista de espera a doentes con tumores que hai que operar canto antes, e que non se deben mesturar cos acnes, coa caída do cabelo ou cos eccemas. Estes tamén son importantes, certo; porén, hai que priorizar o cancro.