Antonio Negreira, alcalde en funcións de Val do Dubra: «Tentaremos formar goberno, pero é tremendamente complicado»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O cabeza de lista con máis apoios recoñece que vai ser difícil artellar un goberno de maioría no vindeiro mandato

31 may 2019 . Actualizado a las 18:41 h.

Antonio Negreira, alcalde en funcións de Val do Dubra e candidato á reelección con máis votos (744 papeletas e tres concelleiros), tentará artellar un goberno con maioría, para o que necesita o apoio do PSOE (dos concelleiros e 448 votos) e de Independentes por Val do Dubra (un representante e 277 apoios) ou Terra Galega (dous edís e 403 votos). Pero tamén hai posibilidade de que este último partido pacte co PP (tres concelleiros e 700 votos), xa que Terra Galega xurdiu hai catro anos por unha fractura do Partido Popular local que aínda non está superada.

-Que valoración fai da perda de apoios para Son de Dubra nas eleccións do 26M?

-Os resultados non foron bos. E desde logo non eran os esperados. Algún erro teremos cometido por non saber explicar o moito que fixemos nestes catro anos pese a gobernar en minoría e con moitos atrancos. Por outra parte, tamén creo que o efecto PSOE fixo que houbera un ascenso importante de voto para os socialista, maila que agora non tiñan representación no Concello. Pero teño que dicir que estamos satisfeitos porque seguimos sendo a forza máis votada e, por tanto, temos que agradecer os apoios recibidos e dar o paso para tentar formar un goberno.

-Cales serían eses erros?

-Houbo un ataque e un desgaste das forzas do cambio nas cidades. Nós non tivemos ese desgaste social, pero si que influíu o illamento que tiven neste mandato por levar eu só a función administrativa do Concello, por falta de medios de persoal, o que me impediu, posiblemente, un maior contacto coa veciñanza e estar a pé de obra. Creo que fun demasiado administrativo, e tamén pensei que o efecto do PSOE non ía ser tan importante, pero notouse nunha maneira espectacular. De feito, as outras forzas políticas seguen practicamente co mesmo número de votos e nós perdemos dous concelleiros, que son os que tiveron os socialistas.

-Aínda así, ve posibilidades para lograr unha estabilidade que neste mandato non conseguiu?

-En principio as combinacións son case iguais que hai catro anos. A entrada do PSOE non aumenta as posibilidades, polo que temos que intentar negociar apoios. Estariamos dispostos a falar co PSOE e cun grupo da oposición, os independentes ou Terra Galega para buscar un goberno, pero sabemos que é tremendamente complicado. Hai catro anos xa o intentamos e ningún dos grupos se prestou a participar nun goberno estable. Agora estamos un pouco á espera de que eles cheguen a un acordo (PP, Terra Galega e IxD), pero tamén parece difícil, porque se nos últimos catro anos non foron capaces agora non vexo a razón para que o alcancen, aínda que en política todo é posible. Se non fose así teremos que asumir o goberno cunha minoría aínda máis complicada. Foi o que votou a cidadanía, e asumimos o reto.

-Fixo xa algún contacto?

-Iniciei unha rolda cos grupos. Só me falta falar co grupo independente para ver as posibilidades, pero sei que eles, loxicamente, tamén están negociando as súas.