A cantar e bailar co «Terra de Melide»

SANTIAGO

Cedida

Herba Grileira interpreta o repertorio musical do manual etnográfico da comarca

15 feb 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

Sábado 16 • 20.30 horas • Casa da Cultura de Melide • Acceso gratuíto • Cantigas de berce, alalás, carballesas e muiñeiras que, a principios do século pasado, recolleron, entre outras pezas musicais, autores da talla de Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas forman o repertorio que mañá interpretará parte do alumnado de Herba Grileira. A proposta desta escola de baile e música tradicionais de Melide supón levar a escena unha escolma do amplo contido musical que os citados escritores galegos deixaron para a posteridade no libro Terra de Melide, publicado, en primeira edición no 1933, polo Seminario de Estudos Galegos.

Por petición dos propios veciños, Herba Grileira volve organizar a gala de folclore popular coa que o ano pasado se sumou aos actos conmemorativos da reimpresión dese manual da etnografía comarcal, corenta anos despois da última edición. O espectáculo volverá recrear sobre o escenario da Casa da Cultura capítulos cotiás dos antepasados melidenses, aos que os artistas darán vida con vestimentas propias da época.