Alejandro Quiñoá: «O noso consumo impacta noutras realidades e ten que ser responsable»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O presidente da Coordinadora de ONGD é o representante dun colectivo de 46 entidades con 21.000 persoas asociadas e 1.600 voluntarias

03 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta e o Concello de Santiago impulsan avances para a cooperación, afirma Alejandro Quiñoá, presidente da Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD). Esta entidade representa a 46 organizacións, entre elas a Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia (ACPP), que tamén preside. Suman «21.000 persoas asociadas e 1.600 voluntarias», indica.

-Como é a situación da cooperación?

-Foi un fito que se aprobase o cuarto plan director autonómico de cooperación, para 2018-2021. Contempla de novo unha cooperación galega con selo propio, con elementos diferenciais, non é só unha translación da estratexia estatal, como era o anterior.

-Que elementos diferenciais?

-Introduce os países lusófonos como preferentes da cooperación galega; e favorece o traballo consorciado con organizacións portuguesas para a cooperación e na educación para o desenvolvemento. Tamén aposta por sectores característicos nosos, como a pesca e a acuicultura; e recoñece as ONGD como actores centrais da cooperación, coas universidades e algunha pequena empresa.

-Por que non o aprobaron?

-A nosa abstención foi porque vemos insuficiente o seu financiamento, pois é só o 0,05 % do orzamento da Xunta, e hai dez anos era o dobre.

-Que expectativa teñen en 2019?

-No recente Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, en xaneiro, votamos a favor do plan anual de 2019. Estamos a elaborar propostas para a cooperación no exterior, pois o prazo finaliza o 14 de febreiro. Está é una convocatoria moi importante para as ONGD, pois a Xunta é o maior financiador en Galicia.

-E a Administración Local?

-O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo. Son especialmente importantes as propostas da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago.

-Por que esas dúas?

-Porque promoven políticas propias de cooperación ao desenvolvemento. En breve comezaremos unha campaña, perante as próximas eleccións locais, para que todos os concellos de máis de 20.000 habitantes sigan ese mesmo camiño.

-É importante a cooperación para a política municipal?

-Si que o é. Falar de cooperación é falar de problemas globais do mundo, sobre os que nos temos que posicionar como cidadáns, pois o noso consumo impacta sobre outras realidades e ten que ser responsable, debemos ser consecuentes e saber asumir a nosa parte de responsabilidade.

-Que destaca do que se fixo en Santiago?

-En 2018 o Concello resolveu a segunda convocatoria pública de concorrencia competitiva para proxectos de cooperación, que valoramos moi positivamente, pois é a maiores da súa contribución ao Fondo Galego. Tamén promoveu un Consello Municipal de Cooperación, que confiamos se constitúa e comece a funcionar neste trimestre. E impulsa a iniciativa Compostela Máis Solidaria, co obxectivo de construír unha cidadanía máis crítica a partir da sensibilización sobre a cooperación. Son iniciativas moi valiosas.

-Onde inciden máis as ONGD, a nivel local ou internacional?

-É tan importante traballarmos aquí como nos países empobrecidos onde temos proxectos. Co obxectivo de promover unha transformación social, o traballo das ONGD incide sobre todo na educación, na política, no traballo en rede e na investigación.

«Debemos ser tamén altofalantes de situacións silenciadas, moitas veces inxustas»

Alejandro Quiñoá insiste na necesidade de establecer vías de comunicación coa sociedade civil dos países onde interveñen as ONGD «e tamén termos capacidade de promover unha conciencia crítica na nosa cidadanía, falar coa veciñanza de aquí para que entenda mellor a situación de inxustiza global que se vive no mundo, e combater o discurso do odio, traballando valores desde perspectivas solidarias. E nos últimos anos é especialmente relevante o noso traballo para pór en contacto vulneracións de dereitos aquí e no exterior».

-Como é ese contacto?

-O ano pasado, por exemplo, trouxemos ao activista ambientalista mexicano Gustavo Castro e verificamos como hai ameazas e impactos semellantes por actuacións mineiras aquí, como a de Touro, e outras en países como Guatemala ou México.

-Que pesa máis no traballo das ONGD: promover infraestruturas, a saúde, a educación, a alimentación, ou denunciar incumprimentos dos dereitos humanos?

-Temos moitas frontes abertas e debemos ser tamén altofalantes de situacións silenciadas, moitas veces inxustas, porque ao actuarmos en realidades moi plurais e complexas, deparamos coa vulneración de dereitos humanos básicos que queremos combater.

-Como é iso?

-A cooperación galega está moi centrada desde os seus inicios en América Latina, máis recentemente chega á África lusófona, e hai algunha organización con vinculacións singulares en países como Costa de Marfil. Perante realidades como a que vive Nicaragua promovemos declaracións institucionais en concellos ou no Parlamento para denunciar a represión. Tamén denunciamos o racismo; ou a violencia contra as mulleres, que é limitadora para o desenvolvemento en calquera sociedade.