Carlos Meixide: «O que me interesa do Camiño para a novela son as persoas que o fan soas»

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A obra galardoada co Premio de Novela do Camiño de Santiago, que verá a luz na primavera, busca «que a xente o pase ben»

11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva máis dunha década escribindo. Tamén é humorista e mergullouse no audiovisual. Agora, acaba de gañar a primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago con Camiño de paixóns. É Carlos Meixide (Vilagarcía, 1977), que recoñece que nunca fixo ningunha das rutas xacobeas, «a non ser que se considere o último tramo».

-«Camiño de paixóns» naceu para esta convocatoria ou era un proxecto deses que xa levan tempo gardados no caixón?

-Fíxena a propósito para o concurso pero, como tamén edito os meus libros, se non gañaba servíame para unha idea que eu tiña na cabeza e editala pola miña conta máis tarde. Era a escusa perfecta para poñerme a escribir iso e cinguíndome ao prazo da convocatoria. Está escrita a propósito porque o Camiño é o escenario fundamental desta novela.

-Dixo que, para unha persoa coma vostede, que xa levaba un tempo intentando vivir do oficio de escritor, este tipo de recoñecementos tiñan un significado especial. Que lle achega?

-Achégame ante todo tranquilidade, por unha parte económica -é case como unha bolsa de estudos-, e, ademais, agradécese o recoñecemento puramente literario. Aínda que tampouco é o máis importante cando xa escribiches abondo a estas alturas, de vez en cando un premio senta ben porque nunca gañei ningún en galego, que é no que escribo. E moi agradecido, a verdade.

-Que vai atopar o lector en «Camiño de paixóns»?

-É unha novela de entretemento, diversión, para que a xente o pase ben. Hai misterio, acción e tamén certos niveis de torridez e de romance esaxerado no sentido da narrativa máis pulp. Xa polo seu propio título, en Camiño de paixóns hai moitas paixóns, nos personaxes, na acción, no misterio e na violencia que hai implícita. A historia é dunha muller, que enviuvou recentemente. Trátase dunha profesora de galego que vive en Santiago e que fai o Camiño, un pouco contra os seus principios, porque nunca foi entusiasta desta mística xacobea. Decide empezalo para purificarse dos malos pensamentos que tivo despois da morte do marido e nese Camiño, nada máis empezalo, coñece unha peregrina xaponesa, que garda algún misterio. Namoran, teñen un romance tórrido e, a partir de aí, hai que desvelar o misterio que esconde esta muller.

-Que imaxe do Camiño intenta trasladar?

-Non tiña unha idea previa do Camiño. Realmente, quería que fose escenario máis que idea. O que me interesaba do Camiño era a posibilidade de facer confluír personaxes que o facían en solitario, e é certo que as persoas que deciden facer o Camiño deste xeito adoitan ter unha motivación singular, un segredo, unha penitencia... Quixen facer confluír distintas persoas con distintas motivacións.

-Peregrinou algunha vez?

-Non sei se está mal dicir isto, pero nunca fixen o Camiño, a non ser que se considere o último treito, San Pedro, os Concheiros... Evidentemente, todo o que é o mundo xacobeo vívoo diariamente ao estar en Santiago e cruzarme todos os días coas vagas de peregrinos. Na novela o que importan son as paixóns, que están dentro dos personaxes.

-O feito de autoeditar os seus libros axuda á hora de presentarse aos premios literarios?

-Non o sei. Pero o feito de autoeditarme e escribir constantemente o que si que me concede é un oficio, unha solvencia narrativa, que nun momento dado si que se transluce ao xurado, independentemente de que poida gustar máis ou menos. Iso si que o fun adquirindo, nótoo eu e a xente que me coñece. Escribir todos os días vai afinando o oficio.

-Este premio deixará relegada a súa faceta de humorista?

-Non vai modificar demasiado o que estaba facendo ultimamente porque xa estaba deixando un pouco de lado o que tiña máis que ver co escénico, que non o abandono, pero non teño unha busca demasiado activa dese tipo de traballo. Nos últimos tempos centreime no labor de escribir e de editar, e entón este recoñecemento vaime permitir facelo dunha forma máis estable, con ese apoio económico, que vén moi ben.