Sons para evocar a arte máis actual no CGAC

La Voz

SANTIAGO

cedida

O museo acolle hoxe un novo concerto de Correspondencias Sonoras, que dende o ano 2011 programou 93 estreas de obras

18 dic 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Un encontro entre a arte e a música contemporánea. Iso é Correspondencias Sonoras, o programa do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da man de Vertixe Sonora que hoxe pecha unha nova edición coa estrea de catro novas pezas musicais a nivel mundial e, deste xeito, sumará 93 dende que empezou a andar no ano 2011. Nesta ocasión, os compositores Lesley Hinger (Canadá, 1983), Christian Märkl (Alemaña, 1979), Dariya Maminova (Rusia, 1988) e Daniel James Miller (Estados Unidos, 1989) inspiráronse na exposición Without, do portugués Julião Sarmento á hora de crear os temas que hoxe se poderán escoitar por primeira vez en público. O concerto comezará ás 20.30 horas no CGAC. Unha hora antes está prevista unha charla coa asistencia dos catro compositores para explicar ao público as súas creacións Shades of white, Forbidden gardens, Micostories e Raycaster.

«Correspondencias Sonoras converteuse nunha cita ineludible non só a nivel galego, senón tamén internacional, porque por aquí pasaron 93 estreas mundiais. É a primeira vez na historia de Galicia que se participa da creación en termos musicais en tempo real, facendo estreas e producións dende aquí», explica Ramón Souto, director artístico de Vertixe Sonora e fundador da formación. Ao longo destes oito anos de ciclo, explica, sumaron unha trintena de concertos, catro celebrados durante o 2018.

Renovación das linguaxes

Precisamente, segundo destaca Souto, debido ao prestixio acadado polo programa conseguen que participen moitos compositores, «xa que no seu currículo é algo relevante». Ademais, destaca que o percorrido destas obras vai máis alá do concerto que ofrecen en Santiago, interpretándose noutros escenarios. Antes de cada tempada, CGAC e Vertixe Sonora seleccionan qué mostras contarán cun concerto e, a partir de aí, a formación musical ponse en contacto cos compositores para que establezan conexións de carácter conceptual coas obras de arte expostas. «Moitas veces traballamos en mundos alleos e estes contactos ábrenche mundos absolutamente insospeitados», asegura o director artístico da formación, quen tamén compuxo nunha ocasión unha obra para este ciclo musical de Correspondencias Sonoras.

Calquera útil que poida producir son pode aparecer nun concerto deste programa do CGAC. Á hora de seleccionar os compositores, Vertixe Sonora explica que buscan sempre novos valores da música contemporánea que ofrezan propostas que supoñan unha renovación das linguaxes musicais, «que sexan propositivas e non conformistas». Asegura que están abertos a calquera tipo de iniciativa, «incluso as que cuestionan o status dun ensemble de música contemporánea» ou aquelas que non se poden desenvolver nun auditorio convencional senón que se fan nas salas do museo, xa que o público debe estar no medio. «Esta iniciativa ten tamén moito éxito a nivel dos compositores, porque saben que somos unha ferramenta flexible coa que poderán desenvolver en todas as súas dimensións a idea musical que teñan. Vertixe Sonora é un grupo de músicos absolutamente comprometido con levar adiante a idea musical que lle propoñan; ademais, vano facer en termos de máxima excelencia», afirmou o responsable artístico.

O grupo Vertixe Sonora fórmano Clara Saleiro (frauta), Paulo Coello (saxofón), Roberto Alonso (violín), Ailsa Lewin (violonchelo) Rubén Barros (guitarra eléctrica), David Durán (piano) Diego Ventoso (percusión) e Ángel Faraldo (electrónica e difusión multimedia). Pablo Coello é o director musical de Vertixe Sonora, mentres que Ramón Souto se encarga da artística.

Medra o público fiel á música contemporánea

Os oito anos de Correspondencias Sonoras non só deixan un balance positivo en canto á repercusión obtida polo que supuxo de situar a Galicia como referente na música contemporánea debido ás máis de noventa estreas de composicións, senón tamén pola propia resposta do público a este tipo de pezas sonoras. «Temos observado desde a aparición deste ciclo o rexurdimento da música contemporánea [...]. De repente deixou de verse como un feito cultural completamente tolo e como propostas de xente iluminada e pasou a sentirse como algo orgánico», explica Ramón Souto. Nese sentido, agora hai «moito público que son fanáticos do ciclo e aumentou de xeito exponencial».

Unha iniciativa que deu pé á creación doutros ciclos

A pegada do ciclo Correspondencias Sonoras que o CGAC acolle dende o 2011 vai moito máis alá dos propios concertos no museo. «Del veu a constitución dun ensemble que se presentou en diferentes foros internacionais», lembrou o director artístico de Vertixe Sonora, que ten traxectoria internacional, coa presentación en México, nos Estados Unidos, Suíza, Alemaña e Francia, e, incluso, gravaron dous cedés monográficos. Pero Correspondencias Sonoras tamén estivo no cerne da creación doutros festivais, como o Vertixe Sonora que se desenvolve en Vigo e en Pontevedra, Do Audible e un certame en Lugo. Tamén se fixo un documental e hai un canal de YouTube. «O CGAC foi quen de dar luz a esta iniciativa que está considerada de progreso a nivel de España e internacional», afirmou Ramón Souto.

Concertos didácticos para escolares

Ao longo destes oito anos de Correspondencias Sonoras, unha das máximas do traballo de Vertixe Sonora foi a divulgación da música contemporánea «xa que moitas veces é difícil que se achegue un público medio». Nese senso, organizaron cursos, obradoiros e nesta edición uníronselle os concertos didácticos para escolares, «que tiveron un éxito magnífico», explica Ramón Souto, coa participación de entre 170 e 200 alumnos en cada unha das actuacións. Eles son os primeiros en escoitar as obras que se estrean despois dunha pequena introdución. Hoxe o concerto para eles será ao mediodía no CGAC. «O que estamos falando é de conseguir que rapaces de primaria, de entre dez e doce anos, estean dez ou quince minutos absortos en absoluto silencio escoitando música que ten connotacións de ser abstrusa, difícil, e, non obstante, cando se desbotan os prexuízos e nos achegamos, o que temos observado é que os rapaces senten realmente esta música como a do seu tempo e a escoitan con absoluta naturalidade. Trátase de música na que está implícito o ruído das motos, das rúas, da cociña das súas vivendas... É un dos proxectos dos que estamos máis orgullosos e gustaríanos ampliar esta iniciativa e que os rapaces sexan protagonistas e fagan eles mesmos música», engadiu o director artístico de Vertixe Sonora.