Mariscando no Teatro Principal

La Voz

SANTIAGO

redrum

A Berberecheira de Chévere abre a programación do FestAlegre

17 dic 2018 . Actualizado a las 04:50 h.

Hoxe • 20 horas • Teatro Principal • Entrada libre ata completar aforo • Cando a compañía Chévere gañou o Premio Nacional de Teatro decidiu facerse mariscadora e sementar novos proxectos. Nacía daquela a Berberecheira, que criou durante este tempo tres bos exemplares ao acubillo da estrutura, coñecemento, proxección e experiencia de Chévere. Eses tres berberechos poderán verse a partir de hoxe no Teatro Principal da man do FestAlegre, unha iniciativa que programa en dez espectáculos de artes escénicas en seis escenarios da cidade.

Hoxe será o momento de angazar na insubmisión, o movemento que nos anos 80 e 90 loitou contra o servizo militar obrigatorio. Goldi Libre é un proxecto audiovisual construído a partir das experiencias de César Martínez e da súa estancia na cadea durante dous anos, catro meses e un día por non realizar nin o servizo militar nin a prestación social obrigatoria.

Mañá é a quenda de escoitar sereas. Iria Pinheiro presentará unha montaxe que trae a rentes da area a violencia obstétrica. A actriz narra a Anatomía dunha serea a partir do relato do seu propio parto.

O mércores, a Triloxía 666 complétase con Salvador, de Borja Fernández e Laura Iturralde, un proxecto audiovisual sobre as múltiples imaxes que se constrúen das persoas emigrantes.

Ademais das tres obras da Berberecheira, FestAlegre programa espectáculos nos espazos situados na Finca de Vista Alegre -SGAE, Casa de Europa, Escola de Altos Estudos Musicais e Museo de Historia Natural- e no Auditorio, e pecharase con Ultreia e Cantigas e Agarimos.