Citas a non perder no Gaiás nesta recta final do ano

SANTIAGO

CEDIDA

«Castelao maxistra»l exhibe por primeira vez en Galicia o chamado «Guernica galego» que o artista rianxeiro bautizou como «A derradeira lección do mestre»

29 oct 2018 . Actualizado a las 01:59 h.

O outono non fixo máis que comezar e ten aínda moito que ofrecer, cando menos no que respecta a programación cultural. Na cima do monte Gaiás cocíñase unha xeira de actividades para animar a recta final do ano, con catro citas que seguen facendo ineludible o paso pola Cidade da Cultura logo do magosto con foliada que celebrou hai uns días. E de paso, non está de máis un percorrido polos seus enormes espazos verdes (o Bosque de Galicia e o Parque do Lago), nos cales son frecuentes as andainas e roteiros.

1. «Castelao maxistral»

Ata o 3 de marzo • Museo Centro Gaiás • De 10.00 a 20.00 horas • Entrada de balde • Unha das exposicións que ninguén debería perderse este ano en Santiago é a que acolle neste momento a Cidade da Cultura. Castelao maxistral exhibe por primeira vez en Galicia o chamado «Guernica galego» que o polifacético artista rianxeiro bautizou como A derradeira lección do mestre e dedicou a Alexandre Bóveda. Pero, máis aló da peza central de dous metros de altura que tanta atención tivo ultimamente, o museo mostra tamén unha interesante homenaxe aos mestres da Segunda República e recrea a ensinanza en Galicia a principios do século XX. A proposta xa foi vista por máis de 7.000 persoas cando non se cumpriu un mes da inauguración, converténdose nunha das exposicións que máis interese espertou.

7 e 14 de novembro • Museo Centro Gaiás • 17.30 horas • De balde, previa inscrición • Para aqueles que queiran afondar máis no contido da mostra, Descubrindo o Castelao maxistral ofrecerá visitas-relatorio da man de catro expertos no autor, os cales afondarán dende unha ollada experta na súa vida e obra.

1 de decembro • Museo Centro Gaiás • Dentro do marco da exposición, haberá un concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, posto que Castelao participou na súa fundación en 1925.

2. Retos sobre un ring

Días 9, 10, 16 e 17 de novembro • Biblioteca de Galicia • Venres ás 17.30 e sábados ás 12.00 horas • De balde, con inscrición • Unha das novidades que acompañará este outono é a de Asaltos! O Gaiás arríscase cun formato rompedor nun escenario pouco habitual. Montará un ring na biblioteca, ao cal se subirán un grupo de afoutados do panorama galego para enfrontarse nun combate creativo.

En cada unha das batallas, terán que medirse dialecticamente e superar os retos que os xuíces e o propio público lles vaian propoñendo. Haberá catro asaltos, dedicados ao mundo da lectura, a tradución, a poesía e a tradición oral-musical. No primeiro round o director de Galaxia será o moderador e, de púxiles, un crítico literario, un xornalista e un libreiro. No segundo, unha escritora contra unha tradutora. No terceiro, Sés fronte a Alba María baixo o arbitrio de Xurxo Souto. E, como guinda, unha crítica, un poeta e un filólogo-músico-escritor. Aí é nada.

3. Arquitectura nas escolas

24 de novembro • Auditorio Cinc • De 10.00 a 18.00 horas • Cun formato máis habitual que o anterior, pero abordando un tema novo na Cidade da Cultura, acollerá unhas xornadas nas que arquitectos, psicólogos e pedagogos analizarán como os espazos construídos inflúen na aprendizaxe, no xogo e benestar nas escolas. A actividade estará aberta ao público en xeral.

4. Nadal no Gaiás

Do 21 ao 6 de xaneiro • Os últimos días do outono dedicaranse no alto do Gaiás aos preparativos para a época máis máxica do ano. O Nadal sempre se celebra ao grande na Cidade da Cultura e iso supón traballar arreo na véspera coma os elfos de Santa Claus, pensando especialmente nos máis cativos da casa. Mostras, actividades, obradoiros e espectáculos para toda a familia farán da transición de ano algo moi especial.