A Gloria

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO

son. Escoitalo era o máis difícil. Chamabas por el e non daba chegado. Esluíase xusto cando xa estabas a piques de estricar o brazo para apalpalo. Como unha pinga caendo nun vaso.

O son desapareceu aos poucos. Íase afastando amodo. Un día xa non estaba o balbordo da rúa que por tras dos muros quedaba apagado. Despois, xa non chegaba o silencio. Ese silencio pesado, como un biscoito amazocado. A atmosfera daquel lugar foi o primeiro que se esvaeu dentro desa gabeta no que pensaba que todo quedaba tan ben gardado. Un día, xa non sentía os pés pousándose no lousado. Outro, marcharan os murmurios. Eses murmurios por todos os lados. Xa non escoitaba un rasrás furtivo da tea das sotanas rozando. Nin miña nai dicíndome no oído que me achegara. Soltándome da man para que lle fora dar uns croques ao santo.

Meu señor. Pasaron dez anos daquel día. O último no que erguín a cabeza e aí estaba. Sentadiño como sempre. Mirando. Co pergamiño nunha man e a outra termando do caxato. Dende hai un tempo xa non daba percorrido os pregues dos panos. Que lle imos facer, así funciona a memoria. Chegou un punto no que as caras xa se estaban mesturando. E o sorriso. O sorriso xa non se escoitaba. Daniel, que quedara calado. Xa se sabe que nas fotos non é o mesmo. Todo ten un cheiro a artificial, a que están facendo teatro.

Mañá xa nos vemos. Levaba tantísimo tempo agardando. Erguer a cabeza e mirar as cores que estaban agachadas. É moita hora. Ter a Gloria diante. Volver mirar un pórtico único no mundo, a obra mestra do mestre Mateo, despois de dez anos.