Martiño Noriega: «Este será o ano da execución de obra pública en Compostela»

Ignacio Carballo González
ignacio carballo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O alcalde nega que os investimentos en etapa preelectoral, que remiten á «vella política», obedezan a unha estratexia

15 ene 2018 . Actualizado a las 14:30 h.

A abstención do PSOE e do BNG garantirá a Compostela Aberta o mércores a aprobación inicial do orzamento deste ano, que chega a 110 millóns. Para o que é tradición no Concello -salvando o do 2015, con Agustín Hernández e o do 2011 con Bugallo- será madrugador, o que reforza a idea de que CA está en disposición de facer con certa comodidade a travesía cara o 2019 electoral. O alcalde, Martiño Noriega (A Coruña, 1975), prefire salientar a estabilidade da institución: «Que foramos capaces de aprobar o orzamento en cada exercicio e agora o fagamos a primeiros de ano é importante para a cidade e para a acción institucional».

-O fundamental é a execución do orzamento, que en Santiago historicamente é moi baixa.

-O 2018 vai ser o ano da obra pública porque hai moito proxecto que non se conseguiu executar na súa totalidade no 2017 que está lanzado na tramitación administrativa. E iso vai coincidir cunha aprobación orzamentaria que vai facer que seguramente sexa o ano de maior execución de obra pública do conxunto da lexislatura. Aínda que o Concello executa máis do 80 % do seu orzamento para investimentos, ten un ano récord nun goberno de Bugallo do 32 %; o noso obxectivo para o 2018 é superalo.

-Vostede xoga con vantaxe, pola execución demorada dos fondos Edusi e os remanentes do 2017, aparte dos dez millóns de investimentos do novo orzamento.

-Si, porque danse unha serie de factores. O Goberno central empezou a tramitar tarde os fondos Edusi pero xa están aprobadas moitas fichas, en licitación moitas delas; os remanentes licitáronse a totalidade; os dez millóns, e hai outros proxectos tamén en marcha que eu son optimista de que van elevar moito a capacidade de obra pública nesa débeda histórica. ¿Iso significará que resolvemos un problema estrutural do Concello?, seguramente non, pero o 2018 vai ser un bo ano.

-Compostela Aberta toca así unha clave propia da «vella política»: moita obra pública nun ano preelectoral.

-Podería dicir que por estratexia, pero non. Tamén ten riscos. Non penso que ter a cidade en obras os meses antes das eleccións é positivo, é mellor tela rematada. Que o 2018 sexa o ano da obra pública na cidade, seguramente non foi por unha estratexia, coincidiu un traballo de rozar, de sementar e comezar a recoller. É bo para Santiago porque sobre todo son obras de barrios e porque son determinadas necesidades históricas.

-Un dos seus obxectivos era engraxar a maquinaria do Concello. Á vista da baixa execución orzamentaria, non o ten logrado, e non dirá que a culpa é do teito de gasto de Montoro.

-Unha das patas do problema si que é o déficit de persoal do Concello, un 20 % respecto de hai uns anos. Hai que facer máis con menos. Non é a única explicación: é certo que nos atopamos unha casa moi neurotizada despois dun proceso de xudicialización de catro anos que deixou unha inseguridade á hora de tramitar expedientes que ao mellor non está xustificada nunhas condicións de normalidade.

-Compostela Aberta tampouco logrou gañar a confianza dos traballadores do Concello.

-Hai moitos centros neurálxicos da casa que si mudaron para ben na reconstrución dos circuítos administrativos. É certo que hai problemas aínda sen solución nos que ao mellor hai unha perda de perspectiva do que é o servizo público e que non se van solucionar tan facilmente. Pero traballamos todos os días para que iso cambie e para que se poida prestar o mellor servizo.

-Compostela Aberta púxose o listón moi alto para normalizar o Concello, pero cae en irregularidades administrativas como a prestación de importantes servizos sen contrato. O transporte público, os centros socioculturais, a ORA, a axuda no fogar...

-Cando chegamos nós levábase máis de dez anos sen regularizar o contrato da enerxía eléctrica do Concello, millóns de euros, e ata que o regularizamos levantamos reparos de contías astronómicas; nunca se falou diso. Na casa hai un problema á hora de renovar as relacións contractuais, e hai unha acción de denuncia da oposición, que no fondo fai un exercicio de amnesia respecto do que foi historicamente a casa. Regularizáronse moitos contratos; os que están sen regularizar, o servizo se segue prestando e a maquinaria dá para o que dá á hora de seguir sacando licitacións e regularizando. Nos vindeiros meses vai estar regularizado o de axuda no fogar, o de centros socioculturais... Ninguén di, por exemplo, que o contrato de centros socioculturais a pesares de que estaba en vigor levaba reparado dende o seu inicio por irregularidades.

-¿E o abuso dos contratos menores, contratos «a dedo»?

-Nós temos que dar servizo, o que non podemos é derivarnos nunha maquinaria lenta á hora de prestalo, e o facemos axustándonos estritamente ao marco legal. Coido que estamos nos mesmos niveis que sempre houbo na utilización deses contratos menores.

-¿Cre que os cidadáns perciben con claridade un proxecto de cidade de Compostela Aberta?

-Hai un relato construído de acción de goberno partillado por sectores da cidade que está por testar se é percibido ou non dentro de ano e medio. Foi unha aposta decidida e ano a ano vaise amplificando orzamentariamente. A Compostela social, coa posta en marcha da renda, as axudas para conciliación, bolsas de comedores, material escolar, etc. Tamén hai unha aposta pola cultura, este ano cun millón máis. Pola Compostela verde, coa recuperación de espazo público no Sar e Sarela. E houbo unha aposta polo mantemento da cidade, porque nos atopamos cun deterioro moi grande e este ano Rafa Peña ten unha ferramenta moi importante de contratos de mantemento para rematar ese ciclo de poñer a cidade bonita. E hai determinadas liñas que comezan agora, como a captación importante de fondos para emprego, para políticas de vivenda e para o novo contrato de transporte público. Ese é o relato. ¿Chegará a lexislatura para que a xente o perciba? Non o sei, pero vai ben encamiñado.

-¿Asumir as iniciativas, moitas, do PSOE e do BNG, desenfoca os seus obxectivos orzamentarios ou axúdanlle a conseguilos?

-Enriquecen o relato porque moitas son coincidentes. É fácil chegar a acordos, e teño que agradecerlle ao PSdeG e ao BNG, con todas as diferenzas que houbo, a posición de non bloqueo, porque vaise beneficiar a cidade.

«Estou obsesionado cunha participación real, con retorno para a xente» 

Entre os principais logros, Noriega destaca a renda social municipal, «pioneira no Estado», ademais do «relato da participación» a través dos Encontros ao vivo e os orzamentos participativos. Tamén a recuperación de espazos verdes e accións de sensibilización en igualdade como a campaña Compostela en negro.

-Compostela Aberta chegou ao goberno falando dunha gran dimensión da emerxencia social na cidade, pero no primeiro ano da renda hai 200 solicitudes. Unha de dúas: ou non era tanta a necesidade ou a renda social non funciona como debera.

-A renda ten que consolidarse. Segundo a Rede Galega contra a Pobreza, había 18.000 persoas en risco de exclusión social na cidade. A renda cubre necesidades moi básicas e ten unha vocación, a maiores, para reinsertar no mercado laboral e na dinámica da cidade a moita xente que quedou excluída pola crise.

-Sobre a participación: é ben certo que participa quen quere, pero ¿non acaba sendo un círculo pechado no que a propia organización se retroalimenta?

-Espero que non. Estou obsesionado cunha participación real que teña retorno para a xente. Os Encontros ao vivo funcionan moi ben e con participación moi alta. Aí fanse aportacións. Seguirán funcionando se a próxima vez que vaiamos a ese barrio moitas das cousas que se dixeron estean en marcha ou feitas, porque se volvemos cos mesmos problemas a participación acabará minguando. A utilidade para a xente é o motor principal.

-Unha das súas prioridades, a remunicipalización de servizos, se lle escapa. ¿Poderá amarrar a da ORA, que parece a máis doada aínda que non estaba prevista?

-Creo que si. Intentamos executar a sentenza sobre a adxudicación do 2012, que a propia mesa [de contratación] dixo que non fora posible, e faltaría elevar a pleno a aprobación definitiva e iniciar a prestación do servizo.

-A présa máis cobizada, o subministro de auga, semella que non lle dará tempo neste mandato.

-Temos como prioridade abordalo. Faremos un plantexamento coas auditorías técnica e económica que temos encargadas, e estamos asesorándonos. O contrato do servizo remata coincidindo co proceso electoral, e non teño ningunha dúbida de que o vai a condicionar nun sentido ou noutro.

«Prefiro a Feijoo cando actúa como presidente e non como xefe da oposición municipal»

O alcalde é optimista coa intermodal e as conexións do norte, pero non coa depuradora

i. carballo

Optimismo sobre a conectividade viaria da zona norte, pendente agora dun protocolo con Fomento para completala ata a N-550 co «orbitaliño». Ademais, Noriega asegura que «imos ter unha boa intermodal», pero séntese «moi cabreado» polos avatares dunha actuación menor como é o remate da rotonda de Conxo.

-Se a depuradora non se consegue en prazo será un gran fracaso de cidade.

-Leva sendo un fracaso 20 anos.

-Mirar atrás non aporta moito.

-Non, pero se hai unha herdanza envelenada, é esta. A día de hoxe hai unha situación na que os actores implicados ofertan máis problemas que solucións. Non sei o que vai a pasar. Non vexo unha solución, pero non renuncio a vela e, de feito, levo tres semanas reuníndome con moita xente. Este mes terei unha xuntanza con Aquaes en Madrid.

-A oposición aféalle unha mala negociación das infraestruturas.

-Eu tiven unha relación sempre cordial, de respecto dos intereses das partes nun interese común coa cidade. Evidentemente, maior sintonía con Ana Pastor que co equipo actual [de Fomento] porque Pastor era unha ministra que coñece a cidade. Coa Xunta, están moi reconducidas as relacións coa conselleira.

-Houbo un tempo en que Santiago era lugar de encontro permanente da Xunta e o Concello. Non parece que sexa o caso agora entre vostede e Núñez Feijoo.

-A situación é mellor do que foi ao principio da lexislatura. Outra cousa é como poida influír o ambiente preelectoral das municipais nas relacións que deberan estar ao marxe dos debates partidarios. As diferenzas políticas entre nós son evidentes, pero hai un principio de lealdade institucional que eu intento defender porque creo nel. Eu prefiro ao presidente cando actúa como presidente que cando actúa como xefe da oposición municipal.

-¿Vai seguir dando a batalla pola taxa turística?

- Este debate chegou para quedarse. Tarde ou cedo acabará instaurándose. Eu non sei os tempos, e evidentemente a responsabilidade é da Xunta.

-A taxa e a moratoria de licenzas son as únicas iniciativas do seu goberno no casco histórico, ata agora. Mentres, a revisión do Plan Especial eternízase.

-Partimos dun Plan Especial que foi moi bo para a cidade, e o digo tamén á hora de baremar urxencias. Dadas as modificacións que fixemos no equipo redactor, agardo que ao longo deste 2018 poidamos ter moitas máis luces ca sombras respecto do PE.

-Vostede mantén posicións que encaixan no seu ideario de «insubmisión controlada», mais ¿son compatibles co rol institucional do alcalde da capital de Galicia?

-Eu estou obsesionado cunha definición que lle escoitei a Boaventura dos Santos: «Estamos obrigados a ser rebeldes competentes». Eu intento conciliar, dentro desa contradición permanente, esas dúas cuestións. E teño un perfil de respecto institucional que ás veces non é entendido nun espazo da esquerda.

«Santiago e a familia son as miñas prioridades»

 Noriega sente frustración pola oportunidade de cambio perdida pola «esquerda rupturista».

-¿Son as mareas municipalistas o último reduto para relanzar o proxecto?

-Son motivo para a esperanza, pero desa dúbida existencial sairemos despois do 2019. Os espazos locais están en disposición de relanzar o reto, que non é menor, de disputarlle a hexemonía ao PP.

-Semella que vostede está agochado na alcaldía de Santiago.

-Se algo aprendín nestes dous anos e medio é a marcar as miñas prioridades vitais, e son dúas: Santiago e a miña familia, e non sempre compatibles. Lonxe de aí, collín bastante distancia.

-¿Ve as próximas eleccións municipais como un xeito de primarias na Marea?

-Aínda que se poida pensar iso en clave estratéxica, sería minusvalorar a carga simbólica das propias cidades en si mesmas.

-¿Vai ser candidato no 2019?

-Iso direillo despois do verán.

-¿Algo máis?

-Que vou ser pai por segunda vez en maio, e hai decisións condicionadas.