«Fóra sorprende que teñamos dúas orquestras de nivel»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

benito ordoñez

O director de Boiro dirixirá hoxe á Filharmonía e o sábado ao TAC na ópera «Il segreto di Susanna»

14 dic 2017 . Actualizado a las 04:55 h.

20.30 horas • Auditorio de Galicia • O director boirense Diego García Rodríguez ten dobre cita esta semana en Santiago. Hoxe volverá a poñerse ao fronte da Filharmonía, logo da cancelación do mestre polaco Antoni Wit por motivos de saúde a semana pasada, e o sábado dirixirá ao Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) para a segunda produción de Amigos da Ópera de Santiago, Il segreto di Susanna.

-¿Como se afronta un programa con tan pouco tempo de preparación?

-Como o repertorio do mestre Wit era tan específico, decidimos refacer o programa aínda que, por respecto tanto aos músicos da orquestra como ao público, gardando algunha das obras previstas, que foi a sinfonía de Mozart. Despois, propuxen un repertorio que lle vai perfectamente a unha orquestra como a Filharmonía: a obertura de El Señor Bruschino e a Sinfonía nº 4 de Beethoven, que quero especialmente e ten unha compoñente vitalista, positiva.

-Alude a obras que lle van moi ben a Filharmonía, ¿que distingue a esta orquestra?

-Eu fixen de todo con ela, ata música composta hai dous anos. O que determina que lle vai ben é a calidade dos integrantes, o que lle permite abranguer toda esa variación e ese arco histórico de repertorio.

-Está dirixindo a orquestras por todo o mundo, ¿como se ven de fóra as galegas?

-Dun xeito moi positivo. A xente sabe que hai dúas orquestras, a Filharmonía e a Sinfónica, dunha calidade extraordinaria. Sorpréndense e dinme: «Se Galicia non é tan grande!». Entón, ter dúas orquestras deste nivel é para estar moi orgulloso. E eu tamén o estou por telas dirixido.

-E o sábado, ópera, un xénero no que tamén está especializado.

-É un proxecto de colaboración entre a Asociación de Amigos da Ópera e o TAC desde hai moito tempo. A miña actividade maior é xustamente no mundo da ópera, encántame e síntome moi cómodo. Adoro o teatro, entón é a combinación perfecta.

-¿Que destacaría de «Il segreto di Susanna»?

-Que é unha comedia e para ir a pasalo ben ao teatro. E despois, a calidade, tanto dos cantantes, de Cándido Pazó e dos músicos do TAC. Imos ter diversión para todos os públicos e calidade musical. O orixinal é para orquestra sinfónica e nos facémolo nunha versión para quinteto de corda e piano, o que permite unha flexibilidade moito maior. Estase facendo todo para que a xente o goce. Nós estámolo pasando ben, o que é un bo sinal. Eu recoméndollo a familias. Vai ser moi divertido.

-No TAC caracterízanse por experimentar.

-Si, dende que empezamos sempre intentamos buscar lazos con outras disciplinas artísticas, con outras xentes e faltábanos a ópera.

-¿Como fai vostede para combinar esta variedade? ¿Hai algún segredo?

-Non é moi segredo: estudar moito a partitura, ser moi aberto e apreciar a boa música aí onde está. Non me gusta encasillarme nin encasillar á xente, prefiro escoitar e logo fórmome a miña opinión.