«Quero devolverlle á miña terra o que ela me deu, e aportar o que traio de fóra»
SANTIAGO
As apostas de Sabela García para a orquestra pasan pola promoción exterior e a busca de patrocinios privados
05 nov 2017 . Actualizado a las 17:12 h.Sabela García Fonte (Cabanas, 1979) ven de aterrar en Santiago desde Sevilla para asumir a dirección técnica da Real Filharmonía de Galicia. Para García Fonte esta chegada a Compostela supón reencontrase coa cidade na que se licenciou en Historia da Arte, na especialidade da Histoira da Música, aínda que dende aquela a súa formación foi medrando como violinista e como xestora cultural.
-Como chegou ao mundo da música? A súa é unha historia de tradición familiar?
-Pois si. Na miña casa somos catro irmáns. Os catro estudamos música e os catro sabemos solfexar perfectamente unha partitura. Isto ven porque meu pai era gaiteiro. De feito foi un dos primeiros gaiteiros profesionais de Galicia no Ballet Gallego Rey de Viana. E educounos felizmente e musicalmente. Sempre me lembro do meu pai cantando, tamén coa miña tía. Teño una prima que tamén é cantante, na miña familia hai moita relación coa música. Eu empecei a tocar o violín na Escola de Música de Pontedeume e seguín cando xa estudaba en Santiago.
-E como atopa a cidade? Os recordos da etapa de estudante soen ser os mellores...
-A verdade é que atopei un Santiago súper chic. Coas rúas limpísimas. Con moitos sitios novos, pero conservando ese aroma de sempre, o dos comercios locais, coa xente maior cos seus produtos no mercado. Véxoa cun contraste moi moderno. Partindo da tradición pódese ser mo moderno, imaxinativo e competitivo. É algo que tamén me gustaría aplicarlle á orquestra co me traballo.
-O seu nomeamento anunciouse hai apenas dúas semanas. Que é o que lle deu tempo de facer ata o de agora?
-Literalmente, aterrar e coñecer ao equipo técnico, a Paul Daniel e, pouco a pouco, aos músicos da orquestra, que son máis de cincuenta. Tamén ao persoal do Auditorio e aos compañeiros do Consorcio. Estou coñecendo o terreo para saber como está organizada esta fermosa familia que é a Real Filharmonía. A verdade é que non tiven tempo para moito mais.
-¿Que foi o primeiro que pensou cando lle comunicaron que gañara o concurso?
-Recibín unha chamada un venres ao mediodía e había dous días que fora o meu cumpreanos. Quen me chamou por teléfono deume os parabéns, e eu pensei que era unha felicitación con retraso. E xa, cando mo explicaron, non o podía crer, porque fixera o proceso de selección coma unha aprendizaxe para saber como había que facer para chegar a isto.
-Que significa para vostede chegar de novo a Santiago?
-Moitas cousas, levaba case sete anos fóra de Galicia, traballando ultimamente como xestora cultural. Para min isto é unha oportunidade marabillosa para formar parte dunha orquestra que tamén é marabillosa. E sobre todo poder devolverlle á miña terra todo o que me deu, que foi moito, e aportar o que traio de fóra.
-A dirección técnica da Filharmonía levaba dous anos sen ter ningún responsable. Como pode afectar esta situación no funcionamento da orquestra?
-Había un baleiro de cargo, pero os meus compañeiros son uns superviventes. A verdade e que a xerente do Consorcio, Belén Hernández, asumiu moitas das funcións con moita valentía e moi bo facer. A ausencia de dirección técnica nótase nalgunhas cousas, por exemplo, en proxección fóra da comunidade, pero iso é normal. E nese sentido me gustaría traballar para que a Real Filharmonía saia de Galicia, contando coa inversión que isto supón. Por iso hai que facer moitas contas, e por que non, falar con empresa galegas que nos queiran axudar. E a partir de aí facer un reprantexamento de comunicación que consolide a marca da Filharmonía e que a faga atractiva. Ten que ser unha marca máis desta Galicia de calidade para que sexa coñecida como referente cultural fóra. Pero tamén teño moi claro é que somos unha orquestra pagada con impostos de todos e temos unha clara vocación de servizo público.
-Na súa presentación, Paul Daniel comparouna cunha gran chef con capacidade para facer grandes pratos. Iso emociona pero tamén compromete...
-Gustoume o que dixo, é unha invitación a formar parte dun proxecto que está fervendo, como unha tarteira que xa está no lume. Para min isto supón unha aventura que estou moi disposta a vivir, e estou expectante a ver como sae a receita. A xerencia do Consorcio e Paul Daniel están facendo un proxecto moi comprometido coa cidade e coa música. Pero todo é mellorable,
e aí é onde está este reto marabilloso e estimulante.
-Cal é a parte que lle resulta mais difícil da dirección técnica, a que ten que ver cos recursos humanos ou a que toca máis coa economía?
-Para min, o mais complicado de todos o traballos, pero tamén o mais bonito, son as relacións humanas. Hai que ser absolutamente coidadosos. Sempre confío na boa vontade da xente, e pola miña experiencia, con respecto e profesionalidade, sempre se chega a acordos se hai algo que ilusiona e hai compromiso co proxecto.
-Pelexar con orzamentos, nestes tempos, non semella moi doado...
-Cadrar un presuposto coas ideas artísticas limita en moitos sentidos, por iso hai que facer moitos cálculos para que todo vaia ben. Pero para iso estamos aquí.
-Pensa que as administracións públicas están facendo a súa labor na parte de apoiar á cultura?
-Nestes anos de economía convulsa, e cunha sociedade tamén convulsa, penso que non se lle prestou demasiado caso á cultura No caso da Real Filharmonía non podemos ter moita queixa, porque o noso presuposto depende das administracións. Pero a verdade é que a cultura foi un dos sectores onde houbo mais recortes, pese a que un proxecto cultural, cando se fai cunha vocación de servizo público, é extraordinariamente rendible para a sociedade.
«Hai que facer moitas contas e falar con empresas galegas que nos queiran axudar»
«Estou sorprendida, vexo Santiago como unha cidade súper ‘chic’ pero con ese aroma de sempre»