Teño un verso cravado

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO

Unha vez tiven un verso cravado, cravado no corazón. E non me lembro se era ese verso de ouro, de ferro ou de amor. Só sei que me fixo un ben tan fondo, que tanto me aloumiñou, que eu día e noite sen cesar arrolaba nel con todo o meu corazón. Naceu ese verso nun libro que de usado as tapas gastou. Naceu cando nacen as plantas, acochado no andel da miña habitación. Naceu nos Cantares Gallegos que a libraría Galí, nos anos oitenta, editou. Naceu naquel libriño que a miña nai, de nova, mercou. Chovía, chovía miudiño. Miudiño chovía cando ese verso se me cravou. Aínda era ben cativa cando Rosalía me cativou. Muller, valente, poeta, galega. Ela en Galicia. Galicia nela. Non había outra de tal condición. E a ratos debullaba eses versos, todos eles, besbellándoos con devoción. Medrei. Medrei paseniño co libro sempre a meu carón. E nas noites de invernía, voltaba ao verso que se me cravou no corazón. Castellanos de Castilla! / Eu ben vin o moucho enriba daquel penedo / Pasa, río, pasa, río, co teu maino rebulir / Miña terra, miña terra, terra onde me eu criei, hortiña que quero tanto, figueiriñas que prantei / Cando de lonxe vos oio, penso que por min chamades, e das entrañas me doio / ¡Sal! Señora en todo mal, que o sol xa brilla nas cunchiñas do areal / Airiños, airiños aires, airiños da miña terra; airiños, airiños aires, airiños, levaime a ela.

Rosalía de Castro. Poeta da terra. Ela en Galicia, Galicia nela. Rosalía, muller infinda, cravoume un verso no corazón. Nunca quixen arrincalo. E xa non son quen de lembrar se era ese verso de ouro. Se era de ferro. Ou se era de amor.