«Escribo para que se me entenda, nada de escurecer e ser hermético»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Charo López

Ademais de poeta, a gañadora do premio Afundación tamén toca o teclado no grupo musical de pop Atrás Tigre

07 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de saber ler xa aprendía de memoria contos e poemas. Os seus primeiros versos foron no colexio, titulábanse O baile das plantas. Ía en 4 º de EXG. Agora, case tres décadas despois, a poeta e xornalista Olalla Cociña (Viveiro, 1979) acaba de gañar con Vestir a noite o Premio de Poesía Afundación, que se une no seu currículo a outros galardóns como O Facho ou o Avelina Valladares. Pero a súa faceta vai moito máis alá que a de escritora. En Santiago, onde reside, foi unha das impulsoras do ciclo de lecturas poéticas Picaversos (2011-2015) e agora forma parte do cuarteto musical Atrás Tigre, creado hai dous anos, onde toca o teclado. A labor de escribir as letras non é dela, é un traballo conxunto co resto dos compoñentes. «Son unha revoloteadora», di para explicar estas diferentes facetas. É máis, afirma que «tardei moito en ter un grupo». E se algo teñen que ver a música e a poesía, asegura, é que «as dúas buscan ordenar o caos».

-Venceu xa noutros certames literarios, ¿que supón o Premio de Poesía Afundación?

-Para min é unha forma de publicar, porque non é fácil. En Galicia hai moitos poetas, xente que escribe moi ben, entón, non é doado. Ademais, é un premio prestixioso. Estou moi contenta e agradecida ao xurado porque sabemos que, ás veces, non é que haxa un poema mellor que outro, senón que é cuestión de afinidades, de gustos, de estéticas compartidas co xurado.

-¿Cal é o fío condutor do poemario gañador, «Vestir a noite»?

-Non escribo sobre un tema concreto, aínda que agora parece que hai esa moda de que ten que versar todo sobre algo. Neste traballo hai un ton máis intimista, máis de indagación que en libros anteriores. Se hai un nexo, ese tería que ver coa pregunta sobre o que herdamos.

-Di que é unha forma de publicar, ¿na poesía é máis complicado que na narrativa?

-Hai que perseverar e, ás veces, poetas bos teñen dificultade para facelo, porque hai moita xente escribindo. Eu tiven sorte, sempre publiquei o que quixen.

-Iso parece non ter correspondencia co número de lectores.

-Penso que cada vez hai máis. Hai bastantes e son de calidade. Moita xente que escribe poesía tamén é lectora, pero a poesía é esixente, esixe unha aprendizaxe e unha disciplina, como a arte abstracta.

-Tamén é xornalista, ¿ponlle moito desta faceta aos versos?

-Escrito dende a intención comunicativa; a poesía e o xornalismo teñen en común que se traballa coa palabra, pero máis lonxe diso non ten nada que ver. Cando digo que escribo dende a comunicación é porque o fago querendo que se me entenda. Nada diso que se di de xogar a escurecer ou ser hermético, non, pretendo que se me entenda.

-¿Nunca pensou en abandonar a poesía pola narrativa?

-Non. Non teño interese na narrativa, pero non quere dicir que nunca o vaia facer. De momento, non sentín esa necesidade.

-¿Hai posibilidade de retomar o ciclo Picaversos?

-De momento non, tampouco vemos a necesidade de facelo. Durou bastante, trouxemos a moita xente e foi unha experiencia que tivo un principio e un final. Agora hai xente que tamén fai recitais.

-Antes de ler xa sabía poemas de memoria, ¿a poesía non é tan árida como moitos pensan?

-É máis, penso que os rapaces entenden mellor a poesía que os maiores, que sempre estamos pedindo un comentario de texto ou saber que se quixo dicir; os rapaces non teñen esa fase intermedia, xa entenden sen ter que buscarlle unha explicación racional. A poesía ten máis dunha explicación racional.

A gañadora. Olalla Cociña conta no seu currículo cos premios O Facho (2000), Avelina Valladares (2004) e Fiz Vergara (2008), ao que uniu agora o de Afundación.

A creación. Non cre na inspiración e di que non escribe todos os días, «fago notiñas, pero non un poema cada día. ¡Que horror!».