O outro exilio, o interior

quique alvarellos

SANTIAGO

Arquivo da Fundación Manuel María

A imaxe na Alameda de Santiago resume todo un tempo de posguerra

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vivo casi aislado, sobre todo, espiritualmente (...). No existe diálogo ni posible comunicación, pues si se insinúa la menor discrepancia se tropieza uno con algún tabú insospechado, oculto en silencios». Deste xeito relata o pintor Carlos Maside o seu día a día na Compostela dos anos 50. Nunha carta que escribe a Luís Seoane a Buenos Aires. Maside aparece á dereita desta imaxe, unha instantánea que resume todo un tempo. Cinco homes e unha muller de pé diante do fotógrafo, na primavera de 1952 na Alameda de Compostela. Non son seis personaxes calquera. De esquerda a dereita: Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Antonio Bonet Correa, Pura Vázquez, Manuel María, e o máis veterano de todos, Carlos Maside (55 anos). Vexamos por que están xuntos aquí.

En 1952 atópanse en Santiago, por mor de cumprir o servizo militar, dous lugueses que inician unha fonda amizade. En primeiro lugar, Uxío Novoneyra (22 anos), vestido aquí ad hoc e baixando a mirada ao solo. Neses días está en pleno proceso de escrita do seu primeiro poemario Os eidos («Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe / Eiquí síntese ben o pouco que é un home...»). Con Uxío, o outro soldado, aquí de paisano, moreno, cun coidado bigote e indubidable atractivo: Manuel María (22 anos). O poeta da Terra Chá publicara en 1950 o seu auroral Muiñeiro de brétemas e tamén un libro de contos. Neste 1952 iniciaba tamén a súa faceta de editor: dirixía a nova Editorial Xistral. E nela chegamos á protagonista feminina da imaxe, a poeta ourensá Pura Vázquez Iglesias (33 anos). Manuel María vén de editarlle o seu primeiro libro en galego, Íntimas. Pura é filla dun socialista represaliado na guerra e «viúva» do seu mozo morto na fronte. Aquí, sorrí, do brazo de Maside. Aquilo semella ter quedado, quizais, moi atrás...

A carón de Uxío, cun traxe folgado e lentes, o filósofo galeguista Ramón Piñeiro (37 anos). Só tres anos antes saíra do cárcere despois de mil días preso por tentar reorganizar o antifranquismo. E, no medio, detrás, Antonio Bonet Correa (27 anos), xa licenciado en Santiago en Filosofía e Letras. Bonet é hoxe o único vivo dos seis da foto. Con 91 anos, reside en Madrid e preside a Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Lembra perfectamente a imaxe: «Nos la sacó un fotógrafo ambulante -coméntame por teléfono-, era por primavera. Yo admiraba a Maside; hablaba como un libro. Lamento no haber tomado nota de todo lo que decía. Con Manuel María mantuve una amistad fraternal. Conocía a su tío cura. Y era amigo también de los primos de Novoneyra». Bonet, sobriño de Evaristo Correa Calderón, desenvolvería fóra de Galicia -na Sorbona, Sevilla, Madrid...- a súa brillante carreira docente como historiador da Arte. (Por certo, en 1975, estivo preso varios días por pertencer á Junta Democrática).

O Café Español, no número 37 da rúa do Vilar, reuníaos a todos. Maside, o patriarca da foto, falecería cinco anos despois desta imaxe. Uns meses antes, escribía a Isaac Díaz Pardo: «Saudade e soedade; tamén eu estou preso delas polos irmáns ausentes que deixaron a terra e na ialma as súa penas».

editor@alvarellos.info