Cela entre a «clerigalla»

Non lle gustou nada o Hotel Argentina en 1947


Non durmiu nada contento Cela en Compostela aquela noite de febreiro de 1947. Viñera á cidade para dar unha conferencia no Casino, convidado pola Asociación da Prensa. Tiña 30 anos, o éxito recente do seu «Pascual Duarte», e toda unha carreira literaria única no horizonte. A historia que traemos hoxe acaba de contala, no seu novo libro (publicado este verán), o fillo único do escritor, Camilo José Cela Conde. En Cela, piel adentro (Destino), revela un feixe de cartas inéditas entre os seus pais, dende os primeiros tempos. Nunha das misivas (do 27 de febreiro de 1947), Cela xa empeza a carta anoxado: «No hay sitio en el Compostela y estoy de mala leche», escribe á súa dona Charo. Os organizadores reservaran como alternativa un cuarto no Hotel Argentina, na rúa da Senra, números 8-10.

O Gran Hotel Argentina fora un dos mellores de Santiago. Inaugurado no ano 1909, permaneceu aberto ata 1977. Todo ese tempo deulle para ser testemuña, por exemplo, de como se erguía e como tamén se derrubaba, fronte a el, o Edificio Castromil. O señorial inmoble permanece hoxe aparentemente intacto. Contaba con 27 habitacións, todas exteriores, e un servizo de comedor excelente, cos camareiros todos postos con paxariña ao colo e camareiras con luvas. Fóra, coche con chofer e mozo para a clientela (relátase todo isto no libro A lume lento de Mercedes Gualteria, editado polo Consorcio de Santiago).

A imaxe que traemos aquí está reproducida directamente do negativo orixinal. É a primeira vez que se publica así. A foto comercializouse como postal por Fototipia Thomas arredor de 1915. (Agradecemos a cesión do ‘máster’ a Carlos Castelao).

Pero no ano 1947 o hotel Argentina debería de andar en horas baixas. Na carta a súa muller, o xenio habitual de Camilo José Cela tórnase axiña en carraxe. Escribe: «Me alojo ahora en un hotel de pensionistas malolientes. ¡A la mierda los pensionistas malolientes y la sufrida clase media! En Santiago hay mucha clerigalla y el ambiente es turbio y de curas. Pienso decirles cosas terribles en la conferencia. Me van a escuchar».

Polo que limos na prensa da época, non houbo polémica na conferencia: Cela relaxou. A prensa daqueles días recolle, iso si, interesantes entrevistas a un escritor moderado que só se lamenta, por exemplo, de que se elixise a casa da Matanza para sede do Patronato Rosalía de Castro (creado precisamente aquel ano): «Casa aburrida y sin ningún carácter», sentencia a Julio Sierra en La Noche.

O futuro Premio Nobel que pernoctou no Gran Hotel Argentina nos derradeiros días de febreiro de 1947 xa tiña moi claro o que quería facer. Nas entrevistas afirma que pensa escribir unha triloxía de novelas sobre Galicia (así o faría en 1983, 1994 e 1999!). En Compostela, aos trinta anos, portaba xa aquela mestura -tantas veces contraditoria- de enorme escritor e volcánica personalidade que tan ben describe agora seu fillo no seu libro, publicado co gallo do centenario do nacemento de seu pai.

editor@alvarellos.info

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cela entre a «clerigalla»