Francisco Macías: «A nosa idea é que a Unesco recoñeza Compostela como cidade literaria»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Catorce entidades unen esforzos para evidenciar a importancia do libro e da lectura

08 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Compostela Literaria, unha iniciativa que une esforzos de 14 entidades para promover o libro e a lectura, foi unha das propostas culturais más singulares da cidade no último ano. As eleccións municipais son unha referencia para o grupo: pouco antes da campaña comezaron as xuntanzas para falaren dos seus propósitos, e achegaron ás candidaturas a proposta de puxar por Compostela como cidade literaria. Así o esclarece Francisco Macías, de Edicións Positivas, un dos artífices: «Isto xa ven de atrás. Hai uns anos, cinco empresas formamos Editores de Compostela, para facer cousas en común. Fomos xuntos a feiras, e iso permitía aforrar custes e esforzos. Como vemos que o mundo do libro en papel vai a menos, agora comeza esta nova unión. A primeira decisión foi facer algo o 25 de xullo, alleo ao paraugas institucional e político, e así organizamos unha romaría de libros en Mazarelos. E outra o 8 de novembro na Carreira do Conde».

Foron acontecementos que «congregaron máis postos que as últimas edicións da Feira do Libro e do Festigal, con moi boa resposta do público, a pesar da falta de publicidade, pois só funcionou o boca a boca. Iso anima para continuarmos, para realizarmos unha actividade en cada estación do ano», acrecenta.

Non hai unha teoría previa que mova as súas actuacións, indica. E así o dixeron en novembro na Culturgal, en Pontevedra, onde foron postos como modelo para o país. Porén, aínda que todo pareza moi provisorio, teñen un gran proxecto como horizonte, enorme: «A nosa idea é que a Unesco recoñeza Compostela como cidade literaria. Hai algunhas no mundo, e non é fácil de conseguir iso, porque se esixen uns requisitos, como dispor dunha rede de bibliotecas públicas e unha estrutura moi ben definida, que pretendemos conseguir pouco a pouco, co tempo que sexa preciso», sinala Macías.

Hai material para alicerzar esa aspiración. Da Idade Media á actualidade, co Camiño de Santiago e autores como Rosalía de Castro, entre outros moitos elementos que dan forza ao proxecto; e unha inmensidade, de se teren en conta produtores non galegos que se ocuparon da cidade. «A pesar diso, o mundo do libro está moi descoidado polas institucións. É minúsculo o investimento que lle dedican, se temos en conta que é unha industria cultural potente polos intereses de escritores, editores, impresores, distribuidores, fábricas de papel, librarías, bibliotecas... non hai outra industria cultural con tanta xente envolvida e que contribúa con tanta riqueza. Así, é tamén un reto do mundo do libro o saber reivindicar o seu papel e a súa importancia», di.

Para evidenciar ese potencial «Compostela Literaria quere ser un colectivo que aglutine. O ideal é debatermos sobre as mudanzas do mundo do libro, canta máis xente mellor, da Universidade; ou do Concello, que nos apoiou no que lle solicitamos; a autores. Cantos máis sexamos, máis rico será ese debate», insiste.

Agora «estamos empeñados en elaborar un mapa do mundo do libro santiagués, con bibliotecas, librarías, editoras, estatuas, placas, nomes de rúas, teatros... e outras informacións. Será como o punto de partida para facer visible a riqueza dese mundo. É o noso obxectivo máis inmediato, e temos a ilusión de que mesmo se poda presentar na feira do libro de Buenos Aires de 2016, onde Compostela é a cidade convidada de honra», manifesta Macías.

Compostela Literaria. As 14 entidades que promoven esta iniciativa na cidade son seis librarías: Aenea, Ciranda, Couceiro, Komic, Lila de Lilith e Tirana; sete editoras: Apiario, Através, Auga, Axóuxere, Irmás Cartoné, Positivas e Urco; e A Central Folque. A súa presentación foi con romarías de libros o 25 de xullo e o 8 de novembro.