Foliada de Negreira

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

SANTIAGO

Unha das pezas preferidas por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no acervo da nosa música popular é a Foliada de Negreira. Lembroumo Miguel Anxo Seixas, que anda ultimando a súa tese de doutoramento sobre o galeguista rianxeiro máis universal. Remitiume ó artigo Castelao e a música, publicado polo compostelán Antón Iglesias Vilarelle en 1986, no catálogo da mostra Castelao, 1886-1950, preparado por José Antonio Durán.

Esta bela cantiga fora harmonizada en voces mixtas por Pepe Doncel. Interpretouna a Coral Polifónica de Pontevedra na década de 1920, onde o autor de Sempre en Galiza cantaba na corda dos baixos. A letra da melodía di: «Lanchiña que vas en vela; / levas panos e refaixos / para a miña Manoela». Insírese nun dos relatos do libro Cousas de Castelao (1929). É o titulado Nunha rúa dun porto lonxano, xa antes editado no xornal El Pueblo Gallego (8-5-1927).

Cóntase nel como uns mariñeiros que falan inglés e francés, xunto cun taberneiro de Amberes, acaban cantando xuntos Lanchiña que vas en vela..., cando estaban bébedos e «nun laído saudoso», porque os tres eran emigrantes galegos.

A Foliada de Negreira áchase nunha gravación do coro coruñés Cántigas da Terra en 1922, dentro dun cancioneiro galego. Tamén podemos vela en Youtube, na actuación recente do Orfeón Mariñeiro do Berbés (Vigo, marzo de 2012). A partitura recóllese en folkotecagalega.com.

¿Quen se anima a preparar e interpretar esta peciña, este pequeno vínculo musical barcalés con Castelao?