No ano 2015 que fenece fixo cen da inauguración do Centro Galego da Habana. Milleiros de paisanos emigrantes en Cuba saben do mérito deste testo edificio, antano todo un palacio social. Os actos do centenario cadran co final da restauración desta arquitectura con tanta valía material e simbólica. No pasado abril admirei outra vez a lindura do seu interior, a limpeza da fachada, a beleza da súa iluminación nocturna. Loce maxestoso este monumento nacional, fronte ó Parque Central, entre o Capitolio (1929) e o Hotel Inglaterra (1875), «no corazón da capital cubana», como escribiu Xosé Neira Vilas.
Hai algunha placa discreta nos soportais, mais o seu exterior precisaría polo menos dun rótulo e da bandeira galega, identificando ben ás claras o carácter do lugar. Por xustiza histórica. 52.000 asociados en 1959. Bandeiras de Andalucía, asturianas, catalás, de Euskadi... si que campan para naturais e turistas noutras sedes migratorias.
Oficialmente este edificio é agora o Gran Teatro Alicia Alonso, coa sala Federico García Lorca no seu seo. Así se le no Granma, que anuncia a nova apertura para o primeiro de xaneiro de 2016. Nese día o Ballet Nacional de Cuba ofrecerá a gala Tríptico Clásico, «dedicada al aniversario 57 del triunfo de la Revolución».
Con tal estrea de danza celébrase o remate dun trienio de esmerada rehabilitación. Ben polas homenaxes a García Lorca e a Alicia Alonso. Pero bótase en falta o ser de Galicia nestes eventos culturais.