Oliveiras

Xosé S. Allegue ARQUITECTO XEFE DA OFICINA SUPERVISORA DE PROXECTOS DO CONSORCIO

SANTIAGO

Sendo rigorosamente pragmáticos, non sabería dicir se a declaración da Unesco de decembro de 1985 foi máis importante para a cidade que a promulgación da Ley de Patrimonio de xuño do mesmo ano, que recollendo os criterios internacionais incluía no seu artigo 20 o mandado aos municipios de protexer as cidades históricas a través dos plans urbanísticos.

Redactado como cumprimento diste imperativo, o planeamento compostelán trazaba xa en 1989 tres obxectivos para a nosa cidade histórica: O mantemento e recuperación da poboación e a diversidade social, a consolidación das funcións centrais e das actividades económicas e o mantemento do carácter de conector peonil de diversas partes da cidade. Tres obxectivos que, 30 anos despois, seguen a ser prioritarios e nos que queda moitísimo por facer.

Que significa pois ser «Patrimonio da Humanidade»? A palabra «Patrimonio» conserva demasiadas connotacións monetaristas. Na súa acepción inglesa, «Heritage», sen embargo, significa aquilo do común que imos deixar a futuras xeracións: a estima do propio, a conciencia de pertenza a unha comunidade, o fondo sentido cívico e o fundamental sentimento identitario.

Xunto coa proxección internacional, a Declaración de 1985 conseguiu, sobre todo, a consolidación de valores intanxibles, definidores dun «relato» de cidade que temos que continuar a construír colectivamente para legalo ao futuro do país.

Seica ata finais do XIX, os vellos campesiños gregos empeñaban as súas últimas enerxías en plantar oliveiras para asegurar o futuro dos seus netos. Plantemos tamén nós Oliveiras na nosa cidade histórica.