«Parga Pondal traballou por un maior progreso de Galicia»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Foi expulsado da USC en 1936 e homenaxeado en 1983

14 ene 2015 . Actualizado a las 10:57 h.

«Probablemente esteamos a falar do científico galego máis importante do século XX», afirma Ricardo Gurriarán no estudo Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal, que presentou onte na USC acompañado do reitor, Juan Viaño, e do presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez. Lembrou que «foi expulsado da USC en 1936 polo seu compromiso galeguista, e homenaxeado en 1983 cando o designaron Doutor Honoris Causa».

-¿Como merece ser lembrado Parga Pondal no noso país?

-Como o científico galego con máis proxección internacional, como xeoquímico, na altura dos anos 30; un científico que traballou por un maior progreso de Galicia nun tempo en que a Universidade galega deu outros grandes nomes, como Novoa Santos ou o gran reitor Cadarso. Ao deixar a USC dedicou os seus esforzos ao mundo da empresa. A el se lle debe o Mapa Xeolóxico de Galicia ou ser o autor do primeiro artigo científico en galego.

-¿Como foi a súa actividade allea ás aulas universitarias?

-No Laboratorio Xeolóxico de Laxe vertebrou unha actividade de investigación e formativa, que exerceu de atractivo para moitas universidades europeas, de Francia, Bélxica, Alemaña ou os países nórdicos, que participaron nas xornadas que organizaba. Porque nese Laboratorio promoveu proxectos de moita relevancia no campo da Xeoloxía.

-¿De que maneira colaborou con esas empresas galegas?

-Era o mellor coñecedor do subsolo galego. Iso favoreceu pór a andar Cementos Oural en Lugo. E proveeu ás industrias farmacoquímicas de compostos moi raros e do maior interese; saían barcos de Galicia con moitas toneladas de mineral. O que fixo Parga foi impresionante.

-Tamén destaca Zeltia...

-Si, os produtos de Laxe favoreceron iniciativas farmacoquímicas de Zeltia, nomeadamente calizas para a fabricación de aditivos agrícolas e insecticidas. Estivo moi ligado ás actividades empresariais dos irmáns Fernández.

-¿Está ben recoñecido?

-O Sistema Universitario Galego deu o seu nome a un programa para doutores e investigadores, un centro de ensino leva o seu nome en Carballo, e varias rúas. Aínda que merece máis presenza na Historia oficial.

ricardo gurriarán investigador