O edificio do antigo centro comarcal ordense acollerá o espazo para emprendedores no 2015

A. P. S. ordes / la voz< / span>

SANTIAGO

15 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ordes anunciou onte a inminente creación dun Centro de emprendedores, que ofrecerá ás persoas cun proxecto empresarial viable as instalacións, o respaldo e o asesoramento necesarios para poñelo en marcha con máis facilidade e maiores garantías de supervivencia. A iniciativa, froito dun acordo que o Concello está ultimando coa Universidade de Santiago, e coa colaboración dos socialistas ordenses, ubicarase no antigo centro comarcal, logo de que a Xunta de Galicia cedera ao eido local a súa titularidade.

A pesar de que se barallaron outras opcións, como a pranta superior da praza de abastos, o Concello decidiu que sexan estas instalacións as que alberguen o centro, despois de aceptar unha proposta dos nacionalistas que inicialmente foi rexeitada no pleno municipal. O inmoble, de setecentos metros cadrados, consta de tres despachos e un espazo restante que segundo afirman desde o goberno municipal, «cunha mínima inversión poderase converter noutras catro zonas de traballo engadidas». Desta maneira, terá capacidade para acoller sete proxectos empresariais e segundo as primeiras estimacións, dará emprego a unha ducia de persoas.

O obxectivo é que a actividade no Centro de emprendedores comece en xaneiro de 2015, e que a finais deste ano xa se estean estudando e valorando os primeiros proxectos. «O ritmo que levamos non ten pausas de ningún tipo», asegurou o alcalde de Ordes, Manuel Regos. Por iso, apremia o tempo para que os seguintes pasos se dean con celeridade. O primeiro, o plan de viabilidade que xa está levando a cabo a USC. E o segundo, a redacción dos requerimentos que se esixirán aos aspirantes a entrar nun dos sete espazos dispoñibles para os futuros empresarios.

Francisco Ferreiro Seoane, profesor da USC e da Universidade de A Coruña, e todo un referente en emprendemento e na creación de viveiros de empresas, celebrou que se confiase nun ente independente como a Universidade de Santiago á hora de trazar o devandito plan de viabilidade e as liñas de selección e asesoramento para os futuros usuarios. Ademáis, cualificou esta idea como «magnífica e idónea para converterse en todo un referente a nivel galego». Regos tamén se amosou moi satisfeito con que o centro estea xa a piques de ver a luz. «Temos ganas, compromiso e un espazo axeitado», afirmou. E valorou positivamente a oportunidade que supón para a mellora do tecido socioeconómico do concello e da comarca engadindo que o seu obxectivo é «facer deste municipio o mellor lugar para que aqueles que queiran vir traballar onda nós podan acadar un futuro próspero».

«Temos ganas, compromiso e un espazo axeitado para o centro de emprendedores»

Manuel Regos