Á espera de novas do ceo

A piques de cumprir os 101 anos, o ordense Juan Mosquera é o máis veterano dos 3.000 colaboradores da Axencia Estatal de Meteoroloxía


ordes

Moito antes de que aparecesen os primeiros homes do tempo nos televisores, antes incluso de que os soviéticos puxesen en órbita o Sputnik, o ordense Juan Mosquera Candal xa estaba aí. A dous meses de cumprir os 101 anos, é o máis veterano dos 3.000 voluntarios que ten a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMT).

Á mesma hora que moitos funcionarios da sede central consultan os datos que envían en tempo real os satélites, o señor Juan abre a porta da súa casa de Montaos e bótalle unha primeira ollada ao ceo. Son as oito da mañá cando comeza a revisión do pluviómetro e dos cataventos que ten na finca. E así, ríanse da Medalla ao Mérito no Traballo, leva 24.000 días.

«Eu empecei nisto en 1948. Pediumo un mestre que estaba destinado aquí cerca», conta mentres nos recibe nun gabinete tan entrañable como heterodoxo. No despacho conviven libros de historia, manuais de botánica e carpetas repletas de apuntamentos meteorolóxicos; tamén as fotos de familia con outras de Juanito Valderrama, Félix Rodríguez de la Fuente ou a do histórico home do tempo de TVE, José Antonio Maldonado: «Con este, quieto parado. Son palabras maiores. É moi moi bo».

O primeiro cantar do cuco

Tamén hai un ordenador co que non acaba de entenderse. É de bolígrafo e, cando a ocasión o require, de máquina de escribir. Acaba de empregala para contestar unha carta que recibiu hai poucos días. Son os da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que lle ofrecen unha conta de Twitter para que envíe os datos que recolle no seu observatorio: «A esta xente esqueceulle que vou polos 101 anos, xa lles dixen que quero seguir colaborando pero sen complicacións». O seu método consiste en mandarlles mensualmente por correo postal un boletín onde detalla pluviosidade, dirección do vento e xeadas.

Mais o traballo de campo vai moito máis aló. Juan Mosquera tamén está entregado á fenoloxía, a ciencia que estuda a relación entre o clima e os ciclos dos seres vivos. Nuns cadernos que pon a disposición do ministerio, anota o primeiro cantar do cuco, a chegada da primeira andoriña ou a data de floración de diferentes árbores e plantas. A bordo do seu Peugeot 206, o señor Juan fai incursións polas parroquias veciñas para preguntarlle aos paisanos se viron esta ou aqueloutra especie. «Por agora aínda me deixan andar co coche. Fiar non se fían de todo, que me fan revisións todos os anos», comenta divertido.

Base de datos de referencia

O seu traballo desinteresado, especialmente o fenolóxico, achega uns datos históricos valiosísimos para investigacións sobre o clima e os seres vivos. Á súa casa de Montaos chegan cartas de agradecemento que conserva con orgullo e o seu nome aparece citado incluso en teses universitarias. Mais el, que só puido acceder aos estudos primarios, réstalle importancia a este traballo encomiable e asegura ser «un simple namorado da natureza».

En cuestións meteorolóxicas a palabra deste home do tempo de Montaos vale tanto coma a dun notario. Por iso non é de estrañar que o teñan citado incluso no xulgado: «Unha vez chamoume un avogado para que fose testificar a Ordes. Era por un accidente de circulación e querían que eu certificase cos meus datos a choiva dese día».

O señor Juan está afeito a que lle pidan predicións pero el non é amigo de especular: «Aínda os que se dedican a iso engánanse ben veces». El mesmo comenta divertido como llo botou en cara ao mesmísimo Santiago Pemán: «Unha vez escribinlle unha carta para pedirlle un mapa e nunca me contestou. Collín eu cabreado e volvinlle escribir: que saiba vostede que tal día dixo que ía chover e nada e tal outro que ía quentar o sol e veu auga a mazo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos

Á espera de novas do ceo