«Os veciños danme ánimos para seguir traballando»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

O rexedor asegura que non hai un «motivo serio» para unha moción de censura tras a ruptura do pacto de goberno

21 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Días despois da saída do goberno de Padrón do Partido Galeguista Demócrata, tras romper este o pacto co PP, o alcalde, Antonio Fernández Angueira, segue para adiante con traballo e dedicación e cos ánimos que lle dan os veciños pola rúa.

-Días despois da ruptura do pacto de goberno por parte do PGD, ¿qué conclusión saca?

-Que cada un ten que ser consecuente cos seus actos. A nosa actuación no goberno foi e será responsable e seria.

- ¿Qué lle din os veciños na rúa?

-Que non lles sorprende o acontecido e me transmiten ánimos para continuar traballando.

- Declarouse sorprendido pola ruptura, ¿non había nada que lle fixera prever o sucedido?

-En todas as formacións existen diferentes posturas sobre un mesmo tema, que se valoran con madurez para adoptar acordos. O que non esperaba era que transmitisen o seu abandono irrevogable por parte dun único concelleiro ao finalizar unha comisión de coordinación. Xa era algo que tiñan decidido e non deron lugar a diálogo.

-O PGD fala de perda de confianza no PP. ¿Vostede a que atribúe esa perda de confianza?

-Nós asinamos un pacto de goberno baseado na seriedade, lealdade e confianza e pola nosa parte cumprimos co establecido. A aludida perda de confianza é un concepto xenérico para basearse, supoño, en algo.

- ¿Qué destaca da coalición do seu partido co Partido Galeguista Demócrata?

-Fomos un goberno que funcionou axeitadamente e sen máis incidencias de non ser esta última que marcou o final do pacto e que aínda non sei ben a que se debeu.

-¿Revisará decisións políticas adoptadas polos concelleiros galeguistas nas distintas áreas?

-Reviso todas as decisións políticas tomadas por cada un dos edís que integran o goberno.

-¿Teme que os grupos da oposición, agora en maioría, se unan para botar ao PP do goberno?

-A miña preocupación é traballar, arranxar os problemas e sacar adiante os proxectos que afectan a este municipio. Dentro do exercizo da democracia a moción de censura é unha posibilidade, pero non vexo motivo serio algún para que teña lugar nin creo que reflicta o desexo da veciñanza nas urnas.

-Queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais, un ano de goberno en minoría en Padrón. ¿Como o afronta?

-Como dixen o día que fun investido alcalde: con traballo, esforzo e dedicación, sendo moi consciente da responsabilidade que conleva asumir este cargo. Temos que seguir traballando para acadar novas metas e a consecución de obxectivos, tal e como o viñemos facendo para conseguir axilizar a continuidade da variante, a humanización da N-550 ao seu paso por A Ponte, o derrubamento do edificio en ruínas situado en A Trabanca, a inversión e melloras en infraestruturas e servizos municipais básicos, entre outras liñas.